Friday 22 de November de 2024

O San Xoán, o San Paio e a despedida das escolas de pandeireta enchen de festa San Sadurniño durante dous días


Comeza unha fin de semana na que a festa vai replicarse por todos os recunchos de Galicia. E é que na noite do San Xoán, que este ano cadra en venres, ninguén queda sen cumprir coa tradición de florear as fiestras, saltar o lume e xuntarse arredor das brasas para dar boa conta de sardiñas, churrasco, liscos ou o que toque. San Sadurniño non vai ser nin menos nin máis ca outros sitios e, nese sentido, temos constancia de “saltas” en Naraío e en Igrexafeita -ademais das preto dun cento máis pequenas comunicadas pola veciñanza nos últimos días-, ás que se unen a celebración do San Paio en Ferreira e o peche de curso da escola municipal de Pandeireta, que terá lugar diante do colexio no serán deste venres a partir das 19:00h, seguido do concerto do grupo conquense Her Itage.

En orde cronolóxica, a primeira opción de lecer da fin de semana é precisamente a clausura da escola de pandeireta. Inicialmente ía celebrarse no adro do Convento do Rosario, pero Cultura decidiu pasala para a pista do CPI co obxectivo de congregar máis público, posto que a uns metros de alí o bar DZINE ten organizado un San Xoán con chourizada e liscos a prezos populares a partir das 22:00h.

As pandereteiras do Saíme ofrecerán un repaso do seu amplo repertorio de pezas tradicionais este venres a iso das 19:00h. Ao seu remate tocaralle a vez ao dúo Her Itage. Trátase dun proxecto de recuperación e divulgación do patrimonio musical no que as mulleres son protagonistas como compositoras e intérpretes. Her Itage está liderado polas músicas, investigadores e docentes Marta Aparicio e Elena Martínez. A proposta recala en San Sadurniño procedente de Cuenca gracias á rede cultural Dinamiz-artj do Instituto para a Transición Xusta.

“Saltas” en Naraío e en Igrexafeita
Nos últimos días o Concello recibiu preto dun cento de comunicacións de fogueiras do San Xoán. Na súa maioría son xuntanzas domésticas ou entre veciños e veciñas de determinados lugares, aínda que tamén hai quen aproveita a indulxencia plenaria da noite máxica para queimar ao pé da casa rastrollos, restos de podas e algún que outro moble vello antes da prohibición estival.

Ademais destes pequenos e grandes lumes, temos constancia de dúas celebracións organizadas por entidades veciñais. Así, en Naraío celebran a súa “salta” este venres 23 a partir das 21:30h cunha chourizada na Veiga acompañada de pan e pataca ao prezo de 3,50 euros. Non fai falla inscribirse, xa que cando se acaben os chourizos, acabáronse… aínda que a AVV O Castelo de Narahío asegura que disporá de existencias abondas para que ninguén quede con gana de probalos. A asociación trae á solista Tania para animar a noite, na que inclúen unha queimada de balde e, por suposto, o acendido da cacharela.

Igrexafeita deixa a celebración da súa tradicional sardiñada para a noite do sábado. A xuntanza veciñal organizada pola AVV Adiante comezará ás 21:00h co monólogo de Daniel Celester e Alejandro Mejuto, que chega á parroquia dentro do programa cultural Dinamizartj.

A iso das 22:00h xa estarán listas as sardiñas e os liscos, servidos con pan e bebida, ao prezo de 3€ as persoas socias e de 8€ as non socias. Ademais tamén haberá animación para as nenas e nenos con La GuaGua entre as 21:00 e as 23:00h. Media hora despois prenderase a lumeirada do San Xoán.

Festa do San Paio en Ferreira
Por outra banda, este sábado a parroquia de Ferreira tamén celebra o San Paio, a primeira grande festa do verán. Ás 13:00h haberá misa seguida de procesión, foguetes e sesión vermú coa orquestra Montreal, ademais dun xantar veciñal que tivo abertas as reservas até o pasado día 17.

Durante a tarde a cativería tamén gozará de animación infantil, hinchables, festa da espuma e a actuación de Pakolas e do picadiscos DJ Sebas. Á noite haberá posibilidade de cear chourizos e liscos con pan (incluídos no tícket de quen reservase para xantar, ou 6€ para quen se achegue por alí petiscar algo) de cara á verbena na que volverá tocar a orquestra Montreal.