Friday 22 de November de 2024

Galicia e o Norte de Portugal colaborarán na mellora do coñecemento da eurorrexión e na valorización da súa riqueza turística


A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente de Turismo do Porto e Norte de Portugal, Melchior Moreira, asinaron hoxe un memorando de colaboración

Turismo de Galicia e o Turismo do Porto e Norte de Portugal (TPNP) asinaron un memorando de colaboración co obxectivo de favorecer un mellor coñecemento da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e valorizar a súa riqueza e diversidade turística alén das súas fronteiras.

O protocolo foi asinado polos responsables das dúas entidades, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente de Turismo do Porto e Norte de Portugal, Melchior Moreira.

As entidades buscan con esta colaboración, entre outras accións, iniciar un intercambio de información sobre os respectivos planos estratéxicos e de marketing de cada territorio con vistas a definir áreas de traballo comúns.

Así mesmo, grazas ao memorando asinado hoxe Turismo de Galicia e o TPNP colaborarán na definición e xestión dos Camiños de Santiago no territorio portugués, co fin de asegurar unha identidade única en cuestións como a sinalización, a comunicación ou a política de albergues.

Por outra parte, explotaranse iniciativas conxuntas noutros ámbitos, como as Tendas Interactivas de Turismo e outros mecanismos dixitais de promoción, as áreas da saúde ou benestar, o termalismo, o turismo da natureza, as rutas enogastronómicas, a gastronomía e viños, o touring cultural, paisaxístico e dos patrimonios, o turismo relixioso, os trens turísticos ou actividades relacionadas co río Miño.

Outra das liñas de actuación que inclúe este convenio de colaboración é a preparación de candidaturas conxuntas ás distintas convocatorias de fondos europeos, en especial á dos fondos de cooperación transfronteiriza.

Durante o acto de sinatura, a directora de Turismo de Galicia destacou que esta cooperación permitirá ser máis competitivos en aspectos como o turismo de saúde e o termalismo nos que existen destinos competidores.

Nava Castro explicou que desde Turismo de Galicia apostase firmemente pola colaboración levando a cabo proxectos de cooperación transfronteiriza que poñen en valor os recursos turísticos do territorio e impulsan os nosos destinos.

Así mesmo, a responsable de Turismo da Xunta sinalou a importancia de impulsaros produtos turísticos compartidos, como o Camiño de Santiago, a gastronomía, a enoloxía ou o turismo cultural. “Produtos turísticos que teñen un forte vencello coa cultura local e coas xentes dos dous territorios e que sendo diferentes son capaces de irmandar as dúas rexións nunha oferta diversificada, de calidade que pon en valor a tradición e costumes”, explicou.

Camiño Portugués
Neste senso, a directora de Turismo de Galicia afirmou que o Camiño Portugués é o produto estrela que reforza esta unión de Galicia e o Norte de Portugal ao constituír un trazado que transcorre entre os dous territorios ata a súa culminación en Santiago de Compostela.

Nava Castro destacou que no que vai deste ano chegaron a Compostela máis de 42 mil peregrinos pola vertente portuguesa do Camiño, sendo a segunda ruta máis transitada.

Mercado portugués
Así mesmo, a responsable de Turismo da Xunta sinalou que Portugal é o principal mercado internacional de Galicia.

Segundo explicou, nos dez primeiros meses deste ano 2015 o mercado portugués representou o 44% do total do turismo internacional que chegou a Galicia.

Ademais, Nava Castro resaltou que este importante peso do turismo portugués en Galicia tamén se reflicte nos datos rexistrado de excursionismo internacional ao representar máis do 80% das entradas dun día á nosa comunidade.