Friday 22 de November de 2024

Once mozos laracheses participarán no programa de intercambio xuvenil en Venecia que comeza o sábado


O alcalde recibiu hoxe no Concello aos participantes e animounos a “aproveitar esta oportunidade de desfrutar de Venecia, coñecer outras culturas e reforzar a aprendizaxe dos idiomas”.

Un grupo de once mozos laracheses participarán nos próximos días nun programa de intercambio xuvenil que se vai celebrar en Venecia grazas á colaboración entre o Concello e o Polo Tecnico Professionale desa localidade italiana, e co apoio da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Participación, Xuventude e Voluntariado.

Hoxe o alcalde, José Manuel López Varela, e a edil Rocío López, recibíronos no Concello para presentarlles tanto o programa de actividades previsto como ás tres monitoras municipais que os acompañarán durante a súa estancia en Venecia.

O rexedor explicoulles que a organización de iniciativas destas características son posibles grazas ás relacións establecidas entre A Laracha e outros municipios e entidades de diversos países do continente no marco dos programas de irmandamento desenvolvidos a través de Europe for Citizens co apoio da Unión Europea.

López Varela felicitounos pola praza obtida, xa que foi preciso realizar un sorteo ante o alto número de solicitudes de participación presentadas, e animounos a “aproveitar a oportunidade de desfrutar dunha cidade como Venecia, de coñecer outras culturas e de reforzar a aprendizaxe dos idiomas”, xa que no mesmo centro no que estarán aloxados os laracheses tamén haberá mozos doutros países como Portugal e Xeorxia.

A expedición larachesa partirá este sábado, día 24 de xuño, e regresará unha semana despois, o 1 de xullo. Durante eses sete días os participantes, ademais de coñecer a cidade e outras localidades do seu entorno, visitarán os puntos de interese máis importante e realizarán actividades de tipo cultural con percorridos polos principais museos e monumentos.