Friday 22 de November de 2024

Compostela festexará o San Xoán con 24 cacharelas públicas e 567 privadas


O Concello de Santiago autorizou un total de 6 cacharelas, 18 cacharelas con sardiñadas e 8 sardiñadas en espazos públicos ao longo desta fin de semana. Tamén se concederon os permisos para a realización de 567 cacharelas en zonas privadas.

As cacharelas públicas autorizadas sen sardiñada terán lugar no seguintes emprazamentos: praza de Salvador Parga, praza 8 de marzo, rúa da Ponte Do Sar, praza do Matadoiro, rúa Antón Vilar Ponte.

As cacharelas con sardiñada terán lugar na praza da Algalia De Abaixo, carballeira de San Lourenzo, praza da Cruz de San Pedro, rúa José Antonio Souto Paz, no barrio de Santa Marta a carón das pistas xunto á Escola Infantil, debaixo de CEIP de Roxos, cruceiro do Sar, parque Pablo Iglesias, rúa Fernando III El Santo, rarque Xixón, rúa Pelamios, campo de festas de Marrozos, campo de Conxo, parque rúa Londres con rúa Lisboa no barrio das Fontiñas, parque Victoria Míguez, lugar A Peregrina, rúa Virxe Branca e parque San Xoán.

Ademais, tamén se concederon autorizacións para a realización de sardiñadas sen cacharela noutros puntos da cidade.

Normas básicas

Os organizadores deberán coidar os arredores e coñecer o número de teléfono dos Bombeiros (080) e o de Emerxencias (112). Se a propiedade está en zona urbana, o volume do combustible da cacharela non excederá os 2 metros de diámetro e 6 metros de perímetro, nin un metro de altura. No caso da zona rural, a cacharela non excedera os 3 metros de diámetro ou 9 de perímetro, nin os 3 metros de altura.

A separación entre as cacharelas, edificios, árbores, vehículos e mobiliario urbano serán como mínimo de 12 metros, agás no casco urbano e porase atención en alonxar a fogueira de vivendas, vehículos, e instalacións e locais nos que se almacenen produtos inflamables ou baixo tendidos eléctricos ou telefónicos. Ademais, prohíbese a queima de neumáticos, plásticos, espumas de poliuretano, aceites, e en xeral de calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico, así como de recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión (sprays), aínda que estean baleiros.

A fogueira permanecerá vixiada polos solicitantes ata a súa total extinción que deberá ser asegurada empapando os restos totalmente con auga, asegurándose de que as cinzas queden totalmente apagadas. No caso de que se levante vento que poida dificultar a vixilancia e extinción da fogueira esta deberá suspenderse ou apagarse de inmediato.

A hora límite para rematar a celebración é as 03:30 horas da madrugada e será obrigatoria a limpeza do espazo autorizado ao remate da actividade.

Cortes de tráfico

Debido á celebración das cacharelas de San Xoán, o día 23 de xuño algunhas rúas quedarán cortadas ao tráfico, excepto para os vehículos de emerxencia e aspersoas residentes da zona:

RÚA FERNANDO III O SANTO

Pecharase ao tráfico, a partir das 18:00 horas e ata o remate da festa, a rúa Fernando III o Santo na súa confluencia coa rúa República Arxentina. O acceso ao aparcadoiro realizarase pola rúa da Rosa. Permitirase a entrada e saída aos garaxes.

RÚA SAR

Peche ao tráfico, desde as 15:00 horas do día 23-06-2023 ata as 04:00 horas do día 24-06-2023, da rúa de Sar á altura do número 74 e Ponte de Sar dende a intersección coa rúa Diego Bernal.

PELAMIOS

Corte de tráfico desde as 15:30 horas nos cruces Morón-Castiñeiros-Pelamios e Burgo das Nacións-Carvalho Calero.

SAN PEDRO

Pecharase ao tráfico a praza do Cruceiro de San Pedro a partir das 18:00 horas, aínda que se permitirá o acceso á rúa Lagartos pola parte posterior da praza. A partir das 20:00 h pecharase a intersección da rúa Porta do Camiño coa rúa San Pedro.

ENTRE ALGALIA DE ARRIBA E PRAZA DE SAN MIGUEL

Cortarase a circulación entre as 20:00 horas do 23-06-2023 e as 02:00 h do 24-06-2023 no tramo que vai entre a Algalia de Arriba e a Praza de San Miguel. O acceso dos residentes realizarase pola Porta da Pena e a saída, pola rúa da Atalaia.

CONXO

Pecharanse ao tráfico as rúas Campo de Conxo e Sánchez Freire a partir das 20:00 horas e ata o remate da festa

RÚA JOSÉ ANTONIO SOUTO PAZ

Pecharase ao tráfico a partir das 18.00 horas a rúa José Antonio Souto Paz.

Transporte urbano

O transporte urbano verase afectado por algúns dos anteriores cortes. Deste xeito, o corte nas rúas de Sar e Ponte de Sar afectará á liña 7; o corte en Conxo, nas rúas Sánchez Freire e Campo de Conxo, provocará alteracións nas liñas 5, C2 e C4; e os cortes no barrio de San Pedro obrigará a desviar as liñas 13 e C11 en sentido norte de circulación.