Friday 22 de November de 2024

Inés Rey: “Mundos Digitales fai da Coruña o centro de encontro dos mellores profesionais da animación e a tecnoloxía”


A alcaldesa interviu na presentación da XXI edición do Congreso que se celebrará entre os días 6 e 8 de xullo na Coruña

A alcaldesa, Inés Rey, interviu esta mañá na presentación da XXI edición do Congreso Mundos Digitales que se celebrará na Coruña entre os días 6 e 8 de xullo. Rey destacou o evento como “unha cita xa obrigada na nosa cidade na súa XXI edición e que da boa mostra da raíz que ten o propio congreso na Coruña pero tamén a tecnoloxía e o audiovisual na nosa cidade”.

Na presentación tamén interviron Jacobo Sutil, director do AGADIC; Julio Abalde, reitor da UDC; Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña; e Manuel Meijide, director de Mundos Digiitales. A alcaldesa sinalou a importante vinculación do sector audiovisual e da animación na Coruña e fixo referencia a José Sellier como cinematógrafo pioneiro, máis tamén a Manolo Gómez, director do ‘Bosque animado’ e Alberto Vázquez, gañador do Goya a mellor animación por Unicorn Wars. “Debemos reforzar esa vinculación da Coruña co audiovisual e a tecnoloxía de aí o noso compromiso de seguir apostado por congresos coma este que fan da Coruña o centro de encontro dos mellores profesionais de animación e tecnoloxía”explicou.

A rexedora tamén apuntou que desde este mandato, o Goberno municipal contará cunha concellaría de Innovación, como mostra de apoio e compromiso co sector TIC da cidade e que estará encabezada por unha muller. “Sei que as STEM seguen a estar masculinizadas, pero tamén que cada vez son máis as mulleres que chegan, así que fagamos un esforzo por visibilizalas tamén nos paneis porque desta forma progresaremos todos e todas” concluíu a alcaldesa.

Intelixencia artificial

A Intelixencia Artificial terá nesta XXI edición de Mundos Digitales cun espazo destacado, logo de que A Coruña fora designada como sede da primeira Axencia Española de Supervisión e Intelixencia Artificial (AESIA) e tamén como froito co Estudo Inmersivo CEI que se situará na Cidade das TIC.

No marco do Plan España Hub Audiovisual, impulsado pola secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, levouse a cabo unha importante labor de análise para a transformación do sector audiovisual na que traballaron máis de 30 profesionais do sector. Mundos Digitales acollerá a presentacion das conclusións ao sector en primicia sobre as novas formas de rodaxes virtuais e as súas implicacións técnicas, xurídicas e económicas.

Ademais, impartiranse dúas conferencias de Intelixencia Artificial abertas á cidadanía. A primeira delas será impartida por Dot CSV, Carlos Santana, un dos divulgadores de IA máis destacados de España que mostrará, a través dunha masterclass moi visual, o estado da arte da IA no sector creativo. Será o 7 de xullo ás 19.30 horas, no Auditorio da Sede Afundación.

A segunda será impartida por Alba Meijide, comisaria da exposición AI: More than Human, que compartirá as súas reflexións sobre como aproveitar ao máximo esta nova tecnoloxía en beneficio da nosa creatividade. Terá lugar o 6 de xullo ás 19.30 horas, no Auditorio da Sede Afundación.