Haberá diferentes actividades para a infancia durante toda a mañá
O Concello da Coruña organiza unha nova edición do mercado ecolóxico na súa modalidade de Mercado de Compra Sustentable, que percorrerá o último domingo de cada mes os diferentes barrios da cidade. Nesta ocasión, o evento situarase na praza de San Cristovo, próxima á estación de ferrocarril.
O mercado estará aberto o domingo de 10.00 a 15.00 horas. Ademais da variada oferta de produtos sostibles, a granel, residuo cero e de proximidade, tamén haberá unha programación de actividades que, nesta ocasión, estará orientada á infancia. De 10.00 a 15.00 horas haberá un espazo de dinamización infantil e de intercambio de xoguetes. De 11.30 a 12.30 horas celebrarase un obradoiro infantil de máscaras. Por último, ás 13.00 horas actuará Félix Arias, cun concerto infantil orientado a nenos e nenas de 0 a 3 anos.
Os novos mercados ecolóxicos promovidos polo Concello botaron a andar no mes de maio coa principal novidade de que se amplía a súa celebración a todos os domingos do mes.
Deste xeito, o primeiro e terceiro domingo se situará no Campo da Leña, como é habitual; o segundo estará na praza da Tolerancia, en Labañou; e o cuarto rotará por diferentes barrios, sendo Novo Mesoiro o primeiro e a praza de San Cristovo, na contorna dos Mallos a segunda parada. O obxectivo do Goberno de Inés Rey con esta medida é poder ofrecer e expandir os produtos ecolóxicos e de orixe local ao maior número de persoas así como levar novas actividades aos barrios.
Ademais, hai dúas modalidade de mercado: o Mercado Ecolóxico, que será o que se celebra no Campo da Leña, e o Mercado de Compra Sustentable, correspondente ao da praza da Tolerancia e ao rotatorio. Os mercados do Campo da Leña estarán especializados en produtos ecolóxicos, que acreditan criterios éticos e/ou sustentables na súa produción, elaboración ou materias primas. Os mercados na Praza da Tolerancia, e outras ubicacións, fomentarán a economía circular e a compra responsable, aplicando a regra das 4R (reducir, reutilizar, reciclar e recuperar). O obxectivo é poder ofrecer o maior número de produtos de economía sostible e actividades paralelas como obradoiros, concertos e actividades para os máis pequenos.
Todos os mercados celebraranse no mesmo horario, de 10.00 a 15.00 horas. Toda a información relativa a cada unha das sesións que se celebre poderase atopar nas redes sociais do mercado (@mercaecocoruna) e nas propias do Concello da Coruña.