Saturday 16 de November de 2024

A Xunta traslada ao comité nacional da UNESCO a súa satisfacción polo recoñecemento de Cabo Ortegal como segundo Xeoparque Mundial de Galicia


A Xunta trasladou hoxe a súa satisfacción pola recente designación do Xeoparque Mundial Cabo Ortegal, que se converteu a finais do pasado mes de maio no segundo espazo natural de Galicia en ser recoñecido baixo esta figura de protección internacional.

Así o fixo constar a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, durante a súa intervención telemática esta mañá ante o Comité Nacional Español de Xeoparques, órgano de carácter consultivo no que participa a Comisión Nacional Española de Coordinación coa Unesco, representantes do Goberno central e das comunidades autónomas con xeoparques nos seus territorios e outras persoas expertas.

Tras poñer en valor a riqueza xeolóxica da zona de Ortegal, localizada ao norte da provincia coruñesa e que ofrece algunha das testemuñas máis completas de Europa da colisión que orixinou hai uns 350 millóns de anos o supercontinente Pangea, Belén do Campo salientou a calidade da candidatura galega, que “destacou desde o principio” do proceso de selección pola súa solidez e, por este motivo, contou co apoio expreso da Xunta ante os distintos órganos nacionais que valoraron as propostas españolas.

Finalmente, o pasado 24 de maio o Comité Executivo da Unesco deu a coñecer en París os 18 novos espazos escollidos para incorporarse á Rede Mundial de Xeoparques, entre eles, o Xeoparque Cabo Ortegal, cunha superficie terrestre de case 632 km2 repartidos entre 7 municipios —Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño— e o segundo lugar que logra este distintivo en Galicia, despois da declaración no ano 2019 do Xeoparque Mundial Montañas do Courel.