Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Moeche inicia o aglomerado entre a Ponte do Sur e o límite con San Sadurniño


Esta mesma semana arrancaron en San Xurxo os traballos de aglomerado da pista que vai desde a Ponte do Sur até Vigo, no límite co concello de San Sadurniño. Trátase da última parte dun proxecto co que se pretende mellorar a seguridade da vía por medio dun firme máis regular, resistente e adherente que, ademais, tamén levará un ancho superior en todo o trazado. O investimento, financiado con fondos provinciais, ascende a 110.474 euros, impostos incluídos. Dase a circunstancia de que San Sadurniño tamén ten en marcha a reparación da outra metade deste eixo viario cercano aos 4 quilómetros que une a Camba (na parroquia de Ferreira) co fondo de Moeche. Ambos municipios agardan deixalo listo a mediados da semana que vén.

Do lado de Moeche estanse reparando os case 2 quilómetros (son exactamente 1.930 m) que van desde o punto onde remata a DP-4907, na Ponte do Sur, até o lugar de Vigo, no límite co concello veciño.

Ao longo dese trazado fíxose unha limpeza previa do firme e das cunetas e durante estes días estase botando unha nova capa de aglomerado que ofreza maior comodidade na marcha, mellor adherencia en mollado, máis capacidade de drenar a auga da chuvia e tamén maior durabilidade.

A última parte do proxecto consistirá no pintado e colocación de sinalización horizontal e vertical adaptada ás novas características da vía, que levará de comezo a fin unha largura media de 5,2 metros.

A través das súas redes sociais, o Concello de Moeche pediu precaución ao circular durante estes días polo tramo en obras, aínda que as pistas adxacentes vaian abríndose a medida que avanzan os traballos.

En calquera caso, ata polo menos mediados da semana que vén recoméndase evitar esta vía para ir ou vir desde o fondo de Ferreira, posto que a obra continuará en territorio de San Sadurniño unha vez sobrepase o linde con Moeche. De feito, o concello veciño desenvolveu ao mesmo tempo un proxecto similar entre Vigo e a Camba, de modo que á volta duns días quedarán listos os 4 quilómetros da principal vía de comunicación polo sur entre os dous municipios.