Friday 22 de November de 2024

Rueda pon en valor as axudas de 12.000€ anuais impulsadas polo goberno galego para apoiar a enformos con ELA


— Con motivo do Día mundial do ELA, anima a outras Administracións a seguir o exemplo do Goberno galego, pioneiro nestas achegas directas que solicitaron xa un cento de afectados pola doenza

— Lamenta que a proposición de Lei de ELA leve máis de 15 meses bloqueada no Congreso

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pon en valor as axudas de 12.000 euros anuais impulsadas polo Goberno galego para apoiar a enfermos con ELA. O mandatario autonómico indicouno na clausura da xornada organizada pola Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica (Agaela) que tivo lugar na Coruña e á que asistiu acompañado pola conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García.

Con motivo do Día Mundial contra a ELA, Alfonso Rueda animou a outras Administracións a seguir o exemplo do Goberno galego, pioneiro nas achegas directas aos afectados por estas doenzas. Porque logo de marcar unha pauta a nivel nacional coa habilitación de vías clínicas da ELA para axilizar o diagnóstico e vías preferentes para solicitar a dependencia en menos dun mes, Galicia converteuse este ano na primeira Comunidade de España en aprobar axudas inmediatas e directas para os enfermos de ELA. “Abrimos un camiño para que outros territorios e Administracións se sumen a el”, indicou.

O presidente do Goberno galego recoñeceu que estas achegas, que xa están a chamar a atención noutras Comunidades autónomas, non resolven as moitas necesidades que teñen estas persoas no seu día a día, pero que son un apoio importante porque lles permiten mercar produtos básicos e alimentación, así como material ortopédico, muletas, cadeiras de rodas ou vehículos específicos, ademais de levar a cabo obras de adaptación nos fogares. Rueda valorou que os afectados en Galicia conten xa con este apoio do Goberno autonómico, tendo en conta que son xa máis dun cento os que solicitaron esta axuda malia que o prazo remata o 30 de novembro.

O titular da Xunta recalcou tamén a importancia de dar visibilidade a esta doenza para que a poboación coñeza as circunstancias dos que a padecen e se solidaricen cunha causa xusta. Por ese motivo, hoxe ilumínanse de verde arredor de 70 monumentos e edificios en Galicia, para poñer luz á necesidade de seguir coidando, tratando e investigando para mellorar a calidade de vida dos doentes.

Alfonso Rueda puxo en valor tamén o labor de asociacións como Agaela e de figuras como Jordi Sabaté -con quen se entrevistou hai uns meses- ou Juan Carlos Unzué, que contribúen decisivamente para que a sociedade coñeza e tome conciencia das dificultades polas que pasan os enfermos de ELA.

Pola contra, o mandatario galego lamentou que a proposición de Lei de ELA, cuxa toma en consideración foi aprobada por unanimidade no Congreso, leve máis de 15 meses bloqueada tras 49 prórrogas, e lamentou que os vaivéns políticos paralicen unha normativa que pode mellorar a calidade de vida destas persoas.