Friday 22 de November de 2024

Os maiores dos Talleres de Memoria do Concello de Lousame celebraron a fin de curso cunha recital poético e musical


Na edición número 20, os maiores coincidiron en pedir que se incrementen o número de sesións semanais nos locais sociais de Aldeagrande, Cruído, Sanguiñal, Escabia, Vilacoba e Camboño

Algo máis de corenta veciños e veciñas de Lousame, todos eles maiores de 60 anos; participaron na tarde de onte martes na festa de fin de curso da 20 edición dos Talleres de Memoria do Concello de Lousame, unha actividade gratuíta que busca mellorar a calidade de vida destas persoas través de actividades dirixidas a manter e mellorar capacidades como a atención, a memoria, o cálculo ou a linguaxe. E abofé que é efectiva, como onte amosaron sobre o escenario do auditorio da casa da cultura de Lousame.

O acto estivo presidido pola concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, quen amosou a súa satisfacción por “poder comprobar de primeira man como este programa mellora a calidade de vida dos nosos maiores, exercitando a súa memoria pero tamén promovendo a xuntanza entre eles para recordar o que xa saben e seguir aprendendo cousas novas”. Algo do que se aproveitou Ana Muiños Ces, estudante de Grao de Educación Social, quen fixo o seu traballo fin de carreira recollendo a tradición oral destes veciños e veciñas de Lousame e que adiantou coa proxección dunha peza audiovisual elaborada por ela coas gravacións das entrevistas.

Acto seguido, sobre o escenario foron subindo dous ou tres representantes de cada grupo de memoria: Sanguiñal, Aldeagrande, Vilacoba, Escabia, Cruído e Camboño, para daren lectura a uns divertidos poemas nos que falaban de todo. Dende o ben que o pasaron durante o curso, cunha reivindicación constante de incrementar nunha hora o programa, ata repaso pola súas vidas na parroquia e, sobre todo, lembranza dos maiores que nos deixaron nos últimos meses. O acto rematou coa tradicional entrega de diplomas a todas as persoas participantes, que interpretaron unha canción en conxunto no que cada grupo elaborou o seu propio texto e todos cantaron un estribillo común. A festa rematou cunha merenda na sala de exposicións municipal.

Os Talleres de Memoria de Lousame, que este ano cumpriron a súa vixésima edición, están organizados polo Concello de Lousame, que conta coa colaboración da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia. O programa está aberto a todos os veciños e veciñas de Lousame maiores de 60 anos e a inscrición é totalmente de balde e pode facerse en calquera momento do ano nos Servizos Sociais lousamiás. As clases inclúen actividades para manter e mellorar capacidades como a atención, a memoria, as funcións executivas, o cálculo ou a linguaxe. Unhas áreas que se traballan mediante dinámicas e exercicios adaptados tanto ao nivel do grupo como ao de cada persoa participante. O próximo curso dará comezo no mes de outubro.