Friday 22 de November de 2024

A Xunta levará o espectáculo teatral 2Cubo” a oito concellos galegos co programa Falaredes


— O secretario xeral de Política Lingüística participa na presentación desta obra de fantasía dirixida a público infantil e familiar

— A peza de Elefante Elegante arranca o 30 de xuño en Santiago de Compostela e continúa en setembro en Cangas, Betanzos, Burela, Lalín, Ferrol, Noia e O Carballiño

— En total, o programa de dinamización lingüística do Goberno galego prevé para os vindeiros meses 55 sesións de espectáculos, monicreques e mesmo unha exposición

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na presentación da xira de Cubo, o espectáculo teatral da compañía Elefante Elegante que este verán estará na programación do FalaRedes, o programa de dinamización lingüística impulsado pola Xunta de Galicia.

No acto, no que estivo acompañado por Torres, encargada da dirección artística e actriz da obra, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades celebrou que unha peza que está pensada para “animar os rapaces e rapazas a saír a explorar o mundo que os rodea e facelo en galego” vaia formar parte da axenda cultural de oito concellos da Rede de Dinamización Lingüística.

Espectáculo para toda a familia
Cubo é un espectáculo teatral de fantasía, humor e poesía dirixido a público infantil e familiar que evoca a amizade, as separacións, a necesidade de coñecemento e a aventura de medrar desde a igualdade, rompendo os arquetipos de xénero.

A compañía fará un primeiro pase da obra o próximo 30 de xuño no Centro Sociocultural de Santa Marta de Santiago de Compostela ás 18,00 h. Despois, continuará a xira en setembro por: Cangas (Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos) o día 1, Betanzos (en exterior aínda por establecer) o día 2, Burela (Casa da Cultura) o día 3, Lalín (Salón Teatro do Auditorio Municipal) o día 20, Ferrol (Teatro Jofre) o día 21, Noia (Teatro Coliseo Noela) o 23 e O Carballiño (Auditorio Manuel María) o día 24. As datas e as horas exactas poden consultarse na Axenda de Cultura de Galicia e no Portal da Lingua Galega.

Ampla programación
En total, o FalaRedes ten programados para os próximos meses 55 pases de actividades tales como espectáculos, monicreques e mesmo unha exposición para distribuír entre distintos concellos e agrupacións membros da Rede de Dinamización Lingüística. Os obxectivos deste programa, que xa vai pola súa duodécima edición, son ampliar a oferta de ocio no noso idioma, reforzar a oferta de actividades en galego dos concellos adscritos, promover o uso e valoración positiva do galego e apoiar os artistas que desenvolven o seu traballo nel.