Saturday 16 de November de 2024

A poeta e artista multidisciplinar Nuria Vil participa o próximo martes nos cafés en lila


O martes 27 de xuño, ás 18:30 h, terá lugar na Biblioteca Central Rialeda un novo Café en Lila. Nesta sesión participará a resitadora, poeta e artista multidisciplinar Nuria Vil e tratarase o transfeminismo, o antiespecismo, a conciencia antirracista e a reivindicación social, como eixos transversais que vertebran a súa forma de crear e de posicionarse no mundo.

O traballo artístico de Nuria Vilán Prado (Santo André de Comesaña, Vigo, 1993), alias Nuria Vil, é eminentemente oral. Envolve a palabra falada e o diálogo entre distintas artes para levar a poesía máis aló da escrita, formando parte de proxectos de poesía escénica e artes multidisciplinares. A súa peza Espazo a vulnerar vén de estrearse no Festival Escenas do Cambio (Cidade da Cultura, 2023). Actualmente, tamén traballa na corrección editorial, xestiona un perfil en Patreon -onde comparte relatos sonoros inéditos- e na canle de Youtube Coidado coa Cadela.

Gañou a Bolsa Ensaia 2022 pola súa traxectoria artística e investirá os cartos na rodaxe e distribución da peza audiovisual Delincuente, inspirada no seu poema homónimo sobre a historia obreira da cidade de Vigo, a figura de La Maradona e a poesía galega contemporánea.

Simún (Chan da Pólvora, 2021) é ata o momento o seu único poemario escrito, co que foi finalista nos Premios Follas Novas. Ademais, algúns dos seus textos recóllense en CD autoeditados, fanzines e nas antoloxías Alguén nos lembrará (Xerais, 2023), Así fala Penélope (Chan da Pólvora, 2022), Poesía Galega Novísima (Urutau, 2020), Trobeir*s do Século XXI (Chan da Pólvora, 2019), e Dentes para a mazá (Chan da Pólvora, 2018), mais a meirande parte deles permanecen orais e inéditos.

Os Cafés en Lila é unha actividade aberta e gratuíta. Non é preciso inscribirse previamente. Haberá café e petiscos.