Saturday 16 de November de 2024

Aberto o prazo de inscrición nos obradoiros de verán no Castelo de San Antón e o Castro de Elviña, con actividades ata finais de agosto


As sesións, ideadas para nenas e nenos en idade de 6 a 12 anos, abranguen módulos de creación artística e xogos participativos, coa asistencia a escavacións simuladas e buscas do tesouro

A solicitude de praza pode tramitarse desde este mércores. Haberá un máximo de 20 prazas por obradoiro

O Concello da Coruña abriu este mércores o prazo de inscrición nos obradoiros de verán que promove o Goberno municipal nas instalacións do Castelo de San Antón e o Castro de Elviña.

As actividades, que se levarán a cabo entre o 1 de xullo e o 26 de agosto, sempre os sábados e en horario de mañá, están deseñadas para as nenas e nenos en idade de 6 a 12 anos, permitindo que os máis pequenos se acheguen ao patrimonio e historia do castelo e o castro, implicando a rapazada en talleres de carácter artístico e lúdico. Desta forma, as e os menores participantes poderán traballar na creación do seu propio petróglifo, participar en escavacións simuladas para achegarse ao día a día da arqueoloxía e coñecer polo miúdo técnicas de olaría para dar forma, por exemplo, ao seu propio pote castrexo.

Cada unha das actividades terá unha duración de hora e media, e disporanse un máximo de 20 prazas por obradoiro. A inscrición previa está habilitada desde hoxe, e a asignación de prazas disporase por orde de chamada ao número de teléfono 981 189 850 (en horario de martes a sábado, de 10.00 a 20.00 horas).

O calendario de obradoiros, categorizado por instalación e datas, é o seguinte:
Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón (sempre ás 12.00 horas)
● Sábado 1 de xullo: Mosaicos: pisando arte. Durante a xornada, a rapazada descubrirá de primeira man a arte dos mosaicos, aprendendo as diferentes técnicas para a súa produción e, xa para rematar, cada participante traballará na creación do seu propio mosaico xeométrico.
● Sábado 15 de xullo: Oleiros en San Antón. A cerámica foi un dos grandes avances da prehistoria. Tras coñecer os restos conservados no museo, falarase da decoración e formas para, posteriormente, crear potes castrexos.
● Sábado 22 de xullo: Tecendo na prehistoria. A rapazada achegarase á moda prehistórica e traballará, utilizando un tear, en pulseiras de la.
● Sábado 29 de xullo: Heraldicart. As e os participantes coñecerán polo miúdo o detalle do escudo da Coruña e as súas lendas. Ademais, as e os pequenos elaborarán e crearán o seu propio escudo heráldico.
● Sábado 12 de agosto: A luz da lucerna. A actividade fala das orixes do lume e a evolución das técnicas para a súa produción. Experimentarase con moldes e arxila para fabricar unha lucerna romana.
● Sábado 19 de agosto: O cofre perdido. Xogo de aventuras no que a rapazada “asaltará” o Castelo para atopar un tesouro perdido. Desta forma, as e os pequenos descubrirán os lugares máis simbólicos da fortaleza.
● Sábado 26 de agosto: Rock Art. As nenas e nenos coñecerán polo miúdo os petróglifos, e traballarán na creación do seu propio.

Castro de Elviña (sempre ás 11.30 horas)
● Sábado 8 de xullo: O tesouro de Elviña. Mediante un xogo de pistas, a rapazada descubrirá o Castro poñéndose na pel do pobo ártabro e, a través de réplicas arqueolóxicas, achegarse á vida na Idade do Ferro.
● Sábado 5 de agosto: Arqueólogos en Elviña. A través dunha escavación simulada, a rapazada coñecerá o traballos das arqueólogas e arqueólogos. Haberá un percorrido polo xacemento.

Dado que a maior parte das actividades levaranse a cabo ao aire libre, recoméndase levar roupa e calzado cómodo, unha gorra, unha botella de auga e tamén protección solar.