Sairá ás 15:00 horas do CPI Cernadas de Castro, cuxos rapaces e rapazas participarán vestidos de negro e coas mans moradas, e percorrerá 4,5 quilómetros
A Concellería de Igualdade do Concello de Lousame convoca unha andaina conta a violencia de xénero, que terá lugar o próximo mércores 25 de novembro, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. A participación é totalmente libre e de balde, non sendo precisa inscrición algunha.
O punto de encontro será o CPI Cernadas de Castro, ás 15:00 horas. Isto é así porque os máis dun cento de nenos e nenas do colexio van participar na iniciativa, vestidos de negro e coas mans moradas. Ademais, os pequenos lerán un manifesto e amosarán os carteis e cancións que prepararon en clase ao longo dos últimos días.
A distancia a percorrer é de 4,5 quilómetros, de dificultade baixa, polo que a iniciativa está aberta a toda a veciñanza de Lousame. A hora de chegada, tamén ao CPI Cernadas de Castro, está prevista para as 17:00 horas.