Destacan as obrigas recollidas nos pregos de contratación pública para a inserción de colectivos vulnerables ou a reserva de lotes específicos para centros, empresas ou entidades sociais
O Quiosco Down e os Cabaliños de Méndez Núñez tamén foron recoñecidos pola asociación
O Concello da Coruña recibiu o premio da Asociación Amicos na I Edición dos Premios ás boas prácticas en contratación responsable, na categoría de ‘Concellos de máis de 20.000 habitantes’. Os premios teñen como obxectivo recoñecer e dar visibilidade ás administracións públicas e empresas que impulsan a contratación público-privada que aposte pola integración social e laboral das persoas máis vulnerables.
O Concello presentou a súa candidatura polo compromiso coa contratación responsable a través dos procedementos de licitación, das instrucións internas e dos pregos de contratación. Na actualidade, o Concello recolle obrigas en materia de inserción sociolaboral de persoas e colectivos desfavorecidos en todos os pregos da contratación como a exclusión ás empresas que vulneran a obriga de contratar un 2 % de persoas con discapacidade, de acordo co artigo 42 do Real Decreto Lexislativo 1/2013 do 29 de novembro.
Ademais, no marco dos grandes contratos, o Concello reserva algún dos lotes para centros especiais de emprego e empresas de inserción ou para entidades e empresas de economía social. Algúns exemplos son os contratos de limpeza nos edifícios municipais, no que o lote número nove reservouse para este fin, ou o contrato de conservación, mantemento e mellora da infraestrutura verde e azul, no que se reservou o lote número catro.
O Goberno de Inés Rey impulsou neste último mandato outras iniciativas para a inserción laboral de persoas vulnerables como o Quiosco Down ou os Cabaliños de Méndez Núñez.
O Quiosco Down naceu do acordo asinado entre a alcaldesa, Inés Rey, e o presidente da Asociación Síndrome de Down da Coruña, Ricardo Santos, para que a entidade asumise a concesión gratuíta dunha parte das instalacións que conforman o quiosco da praza de Ourense fundando o Quiosco Down Experience. No momento no que se puxo en marcha, no 2020, supuxo a inserción laboral de 12 persoas.
Tamén na mesma liña, a alcaldesa asinou con Antonia María Eugenia Pérez Amieiro, en representación da Asociación Pro Enfermos Mentais da Coruña (APEM) un convenio para a cesión gratuíta do uso e explotación dos 15 cabaliños dos xardíns de Méndez Núñez co obxectivo de promover e facilitar a inserción laboral de persoas en situación ou en risco de vulnerabilidade social.
“Inés Rey ampliou a súa aposta pola inserción laboral e integración social de colectivos vulnerables, recuperando ademais dous símbolos históricos da cidade que recolleron unha nova dimensión social”, indicou o voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage. A asociación Amicos valorou positivamente estas iniciativas, ademais das obrigas e reservas en materia de integración recollidas nos procesos de contratación pública, recoñecendo o Concello da Coruña como unha administración pública exemplar polas súas boas prácticas na contratación responsable.