Friday 22 de November de 2024

Alberto Rey estréase como alcalde de Cerdido coa intención de abrir a piscina municipal a primeiros de xullo, “un servizo moi demandado pola veciñanza”


• Durante estes primeiros días está a tramitar expedientes pendentes, como o convenio de incendios, do que remata o prazo este venres, 25 de xuño

• Ao longo destas semanas manterá diferentes encontros con entidades públicas e privadas

O pasado sábado, 17 de xuño, Alberto Rey Paz recollía o bastón de mando que o acredita como Alcalde de Cerdido para os vindeiros catro anos e este luns xa comezaba o traballo como rexedor do municipio.

Durante os seus primeiros días no cargo, o novo rexedor está a tramitar os expedientes pendentes da anterior lexislatura, como, por exemplo, o convenio de incendios, do que remata o prazo para presentar a documentación este venres, 25 de xuño.

“Son uns primeiros días de moito axetreo, tratando de pechar tarefas pendentes do anterior goberno e arrincando todos os novos procesos, co traballo burocrático que eso conleva” declarou Rey.
Unha das súas prioridades durante estas primeiras semanas é a apertura ao público da piscina municipal, que segundo indica “trátase dun servizo moi demandado pola veciñanza, que nestes momentos precisa de certas actuacións, pero trataremos de tela en funcionamento a principios do mes de xullo”.

Durante estas primeiras semanas o alcalde adicará parte do seu tempo a manter encontros con diferentes entidades públicas e privadas. A primeira será coa empresa encargada de renovar a iluminación “para coñecer todos os detalles da obra, renovou todas as luminarias do Concello”.
Outra das labores que se están a levar a cabo, é a de darse de alta en todas as plataformas electrónicas, “unha tarefa tediosa, pero necesaria nos primeiros días de lexislatura”.

En canto á confección do grupo de Goberno, o Partido Popular ten previsto concretalo durante esta semana e facelo oficial durante os próximos días.