Duns anos a esta parte, sobre todo trala pandemia, é habitual atopar en celebracións con moita afluencia de público os denominados “puntos violeta”. Trátase de espazos informativos arredor da igualdade e a prevención das violencias machistas que tamén cumpren a función fundamental de acompañar ás persoas que sexan vítimas durante o evento de agresións sexuais ou de calqura tipo de acoso por razón de xénero. Neste sentido, dentro do pacto comunitario O Lavadoiro, os grupos de mulleres facilitadoras e de homes aliados están recibindo formación durante estes días coa finalidade de deseñaren un protocolo de actuación específico para os puntos violeta ou, mellor dito, unha guía para lograr que as festas sexan máis seguras neste aspecto.
A idea de preparar o protocolo para eventos multitudinarios seguros, como poden ser festas, festivais e outros eventos, xurdiu durante a xornada de presentación e debate do IV Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes. Naquela xuntanza, celebrada en marzo, participaron o CF San Sadurniño, o Aldebarán, a escola de fútbol Irmandiños, a UDC Narahío, Adiante de Igrexafeita, O Castelo de Narahío, a AVV de Santa Mariña, a Asociación Agroecolóxica A Cortiña, a AGFA do Eume e o proxecto O Lavadoiro.
Da posta en común de opinións e de experiencias non saíu un listado de recomendacións propiamente dito, pero si un compromiso de traballar nese sentido atendendo ás especificidades das asociacións e clubes e á tipoloxía de actividades que promoven cada unha delas. Neste sentido, Concello e asociacións coincidiron na necesidade de organizar actividades formativas sobre como detectar este tipo de situacións e como se debe proceder despois na asistencia e apoio ás vítimas.
Como primeiro paso, durante estes días as facilitadoras e os aliados do Lavadoiro están recibindo apoio técnico da Cooperativa Arabías, a través de catro xornadas formativas -dúas en xuño e outras dúas en xullo- que na súa primeira parte se centraron na cuestión de como lograr que o punto violeta sexa un espazo de referencia para conseguir unhas festas seguras, libres de sexismo e de agresións sexistas.
Así, nas dúas sesións xa celebradas analizáronse os obxectivos, as funcións, os protocolos de actuación e os recursos cos que debe contar o punto violeta, ademais de achegar propostas sobre como proceder en caso de agresións sexistas e, principalmente, como acompañar e arroupar ás vítimas. Neste sentido tamén se remarcou a función informativa e preventiva do punto violeta como lugar que cumpra unha función dinamizadora e divulgativa dispoñendo de todo tipo de materiais e mesmo organizando actividades de seu que complementen ás do evento principal.
O grupo de facilitadoras e aliados do pacto comunitario O Lavadoiro -que segue aberto á participación de quen queira unirse a el- está xa mans á obra co protocolo xeral, que se está ultimando cun ollo posto no calendario. E é que a intención do grupo de traballo é que todos os procedementos e recomendacións se poidan incluír xa no plan de seguridade e emerxencias do XXVIII Festival do Río Castro que se celebrará en Naraío o próximo 1 de xullo. O protocolo, xunto co asesoramento dos grupos do Lavadoiro, estará dispoñible posteriormente para comisións de festas e entidades organizadoras doutros grandes eventos, como poden ser o Festival Irmandiño, o San Pipote e outros.
Unha iniciativa aberta á participación veciñal
O Lavadoiro é un programa de prevención, formación e sensibilización sobre a violencia machista posto a andar nos concellos de San Sadurniño e Moeche coa colaboración Área de Igualdade da Deputación da Coruña.
O proxecto xurdiu o ano pasado como unha proposta de intervención integral no contexto rural concibida como un espazo no que a veciñanza se poida implicar de maneira activa compartindo información, coñecemento e aprendizaxes para a prevención, a formación e a sensibilización en materia de violencia de xénero.
Neste sentido, o Lavadoiro está formado por un grupo de mulleres facilitadoras creado para detectar o maltrato e facer o labor fundamental de acompañamento das vítimas para que poidan saír desa situación, e tamén por un grupo de homes comprometidos co apostolado dun novo modelo de masculinidade que axude a desterrar o machismo e o heteropatriarcado que aínda se respira na sociedade.
Ademais, no proxecto tamén está implicado o persoal técnico e político dos concellos -cargos electos, axentes de Igualdade, SAF, Servizo de Educación familiar e Servizos Sociais- co obxectivo de apoiar a rede veciñal á hora de levar á práctica este enfoque pioneiro na abordaxe das violencias que sofren moitas mulleres e as súas fillas e fillos.
Calquera persoa que queira entrar formar parte do grupo de mulleres facilitadoras ou no de homes aliados, pode contactar cos departamentos de Igualdade ou Servizos Sociais de Moeche e San Sadurniño. Tamén pode falar directamente con calquera das persoas participantes, enviar un correo a lavadoiromoesan@gmail.com ou cubrir este formulario de Google Docs.