O acto, no que estivo acompañado do alcalde, Ángel Alvariño, tivo lugar onte á tarde na polideportiva do Roxal
O presidente fundador do Club de Prensa de Ferrol e primeiro director da revista FerrolAnálisis, Germán Castro, presentaba onte á tardiña en Neda a súa última publicación: “Ángeles Alvariño: Mi estela en los océanos”.
Facíao na polideportiva do Roxal, acompañado do alcalde, Ángel Alvariño, que agradecía ao xornalista o traballo de divulgación da figura e do legado da científica ferrolá, unha das máis relevantes no plano internacional, a pesares do seu escaso recoñecemento no noso país. Unha obra editada polo Club de Prensa, que xa ten o seu sitio na Biblioteca Municipal, e en breve, tamén o terá nas biblios dos centros educativos do municipio.
Germán Castro avanzou para os seus futuros lectores que esta publicación tenta ser unha aproximación á faceta humana e familiar da ilustre oceanógrafa ferrolá, da que comeza a ter coñecemento aló polos anos 90 a través do profesor universitario mugardés afincado en California Xosé Rubia Barcia. De aí, inicia unha relación epistolar coa científica ao longo de case que unha década, e nela se asenta hoxe o
libro, que suma tamén outras fontes que Germán Castro foi recabando ao longo dos anos, como a documentación aportada pola propia filla de Ángeles Alvariño, María de los Ángeles Leira Alvariño, e da súa sobriña María José Leira. A publicación tamén incorpora debuxos das especies que a científica ía descubrindo e recreando, así como abundantes fotografías.
Unha obra coa que achegarse á figura dunha científica imprescindible.