Wednesday 27 de November de 2024

Galicia recibiu nos dez primeiros meses do ano a máis dun millón de turistas estranxeiros, un máximo histórico para a comunidade


Segundo os datos de FRONTUR, a nosa comunidade superou nos primeiros dez meses do ano nun 13,2% os turistas estranxeiros rexistrados no mesmo período do pasado ano

Segundo os datos da Enquisa de Movementos Turísticos en Fronteiras (FRONTUR) publicados no día de hoxe, nos primeiros dez meses deste ano 2015, Galicia recibiu máis dun millón de turistas estranxeiros, cifra que supón un máximo histórico na nosa comunidade superando nun 13,2% a cifra do mesmo período do pasado ano 2014.

A nivel estatal produciuse tamén un incremento da cifra de turistas estranxeiros neste período de tempo superando os 60,6 millóns. Neste caso o incremento foi do 4,1%, máis de nove puntos porcentuais por debaixo do crecemento rexistrado na nosa comunidade.

Segundo FRONTUR, Portugal, co 44% dos turistas estranxeiros, foi o principal mercado internacional en Galicia nestes primeiros dez meses do ano. Ao mercado portugués, séguenlle en orde de importancia Francia, co 18%, e Reino Unido, co 7,3% neste caso.

En termos dinámicos obsérvase un comportamento positivo dos principais mercados internacionais de Galicia, destacando por intensidade o incremento rexistrado polo mercado francés que superou nun 34% o volume de turistas do pasado ano.

Mes de outubro
En canto ao mes de outubro, segundo os datos de FRONTUR, Galicia rexistrou un total de 106.763 turistas estranxeiros, a segunda cifra máis elevada da serie histórica neste mes de outubro.

A nivel estatal rexistráronse preto de 6,3 millóns de turistas internacionais neste mes de outubro.

Segundo FRONTUR, Portugal, co 40% dos turistas estranxeiros, foi o principal mercado internacional en Galicia neste décimo mes do ano. Séguelle en orde de importancia Francia co 20,5% neste caso. SAÚDOS, COMUNICACIÓN DA XUNTA DE GALICIA