Monday 25 de November de 2024

A Xunta conmemora o Día Mundial das Persoas Refuxiadas con ACCEM e co resto de entidades que traballan en Galicia neste eido


O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, destacou hoxe a axuda que Accem presta ás persoas procedentes doutros países que chegan a Galicia, tanto a través dos seus programas de atención na rúa e provisión de recursos como do seu centro de acollida, servizos que a Xunta apoia coa orde de axudas do IRPF. Fíxoo nos actos organizados pola entidade con motivo do Día Mundial das Persoas Refuxiadas.

Arturo Parrado gabou o traballo de Accem e do resto de entidades que en Galicia actúan no sistema de protección internacional, e destacou que actos como o de hoxe son fundamentais para dar visibilidade e sensibilizar á poboación sobre a realidade que viven as persoas refuxiadas. Así mesmo, garantiu a continuidade do apoio do Goberno galego a todas estas entidades, ao considerar que realizan un traballo fundamental na protección e axuda a todas esas persoas que foxen dos seus países, vítimas de violencia ou por mor da guerra.