Friday 22 de November de 2024

Galicia expón á Comisión Europea, a outras rexións e partes interesadas o seu ditame sobre o futuro da pesca


— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, defendeu os obxectivos do informe, como a sustentabilidade do sector pesqueiro ou a revitalización das comunidades costeiras

— Gamallo intercambiou opinións con representantes doutras rexións españolas, italianas e francesas, da Comisión Europea, do sector pesqueiro de organizacións ambientais

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou en Bruxelas nun encontro de partes interesadas relacionado co ditame do Comité Europeo das Rexións (CdR) sobre o futuro do sector pesqueiro na Unión Europea, encargado á Xunta. Tralo último encontro da comisión de Recursos Naturais (NAT) do CdR, Gamallo presentou as primeiras liñas deste ditame e intercambiou opinións con rexións vencelladas co sector pesqueiro, así como con outras partes interesadas do sector público e privado.

Os obxectivos do ditame foron presentados a representantes da Comisión Europea, a Representación Permanente de España ante a Unión Europea, a asociacións da industria do mar, a ONG ambientais e a diversas rexións de España, Italia e Francia. A Xunta busca con este documento apoiar a revitalización das comunidades costeiras mediante a innovación e a tecnoloxía, reforzar a contribución da Política Pesqueira Común (PPC) aos obxectivos ambientais e pesqueiros e acadar un sector neutro en emisións no ano 2050.

Jesús Gamallo valorou de xeito positivo a consulta sobre o ditame e destacou a pluralidade de voces presentes, xa que o obxectivo “é facer un ditame que teña en conta o maior número de actores”. “Estamos satisfeitos pola presenza doutras rexións, organizacións da industria do mar e organizacións ambientais”, engadiu. Ademais, puxo en valor o traballo sustentable do sector e subliñou que contribúe ao mantemento do mar, á súa diversidade e ao seu compromiso pola neutralidade climática.
Ditame sobre o futuro do sector pesqueiro
Para o CdR o futuro da Política Pesqueira Común sobre o terreo debe avanzar cara a unhas comunidades costeiras sostibles e resilentes na UE. Galicia lidera esta reacción das rexións e cidades ao debate aberto pola Comisión Europea en febreiro en relación coa contribución da pesca e a acuicultura á transición ecolóxica. Neste marco de acción, a Consellería do Mar, a través do director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, que tamén asistiu á presentación deste ditame.