O Club voleibol Aldebarán San Sadurniño ten abertas desde hai uns días as inscricións para o seu campus de verán bilingüe e multideporte, que se desenvolverá durante todo o mes de xullo no pavillón municipal. A rapazada de 8 a 16 anos poderá practicar distintas actividades, como por exemplo xogos tradicionais, creación audiovisual, disco voador, sendeirismo, piscina…e, por suposto, volei. Ademais tamén exercitarán todos os días e practicamente a todas horas os seus coñecementos de inglés, xa que outro dos obxectivos do campus é mellorar as súas competencias nesta lingua. Para reservar praza e elixir quenda hai que cubrir este formulario en liña. Amplían información nos teléfonos 652 985 545 ou 630 288 080.
O horario do campus será o comprendido entre as 10:00 e as 16:00h, de luns a venres durante todo o mes de xullo, de maneira que se desenvolverá en catro quendas: do 3 ao 7 de xullo, do 10 ao 14 de xullo, do 17 ao 21 de xullo e do 24 ao 28 de xullo.
As familias poden solicitar para unha semana en concreto ou para máis -incluso para todo o mes- tendo en conta que o prezo por semana será de 50€ sen o xantar (40€ socias/os do club) e, opcionalmente, outros 50€/semana con comida posta pola organización, cun menú preparado polo Mesón A Granxa.
Neste sentido, desde o Aldebarán explícase no formulario de inscrición que a rapazada participante “tamén pode traer a comida da casa e comer canda os compañeiros e compañeiras, ou marchar xantar á casa e volver despois”. Por esta razón, o horario de recollida das e dos participantes que non queden xantar está posto para as 13:00h e as actividades reiniciaranse ás 14:30h.
O club tamén indica que aquelas familias que anoten as súas rapazas e rapaces para todo o mes terán a matrícula da cuarta semana de balde. Ademais, aquelas participantes do campus “que conten con outro irmán recibirán a maiores un desconto do 20%”. Os descontos non son aplicables aos prezos dos xantares.
Nos prezos do “Aldebarán Summer Camp” inclúese o seguro deportivo e de responsabilidade civil, ademais da coordinación por parte de dous deportistas de elite como son Tea Andric e Saulo Costa, quen impartirán a maior parte das actividades en inglés.
Para ampliar información sobre o contido do campus -ou solventar dúbidas- pode contactarse cos teléfonos 652 985 545 ou 630 288 080, mentres que as solicitudes de inscrición poden facerse a través deste formulario en Google Docs.