Friday 22 de November de 2024

O profesorado de San Sadurniño protagoniza este ano a obra musical do proxecto LÓVA


“Con-certo sen-ti-do” estreouse esta mañá en dúas funcións tendo como público ao alumnado do CPI

 

O CPI de San Sadurniño leva unha década implicado no proxecto educativo LÓVA -La ópera vehículo de aprendizaje-, promovido polo Teatro Real e centros de ensino de todo o Estado. Con axuda do profesorado, as aulas convértense durante parte do curso nunha compañía escénica que escribe, compón, prepara decorados, produce e interpreta unha peza musical para estreala neste tempo, xusto antes de marchar de vacacións. Porén, este ano houbo un cambio nos roles e foron as mestras e mestres quen se encargaron da representación, estreada esta mañá con dúas funcións para o alumnado do CPI.

O título da obra musical é “Con-certo sen-ti-do”, producida pola Compañía de Ópera Doas da que forman parte docentes de Primaria e Secundaria do colexio público. “Nesta ocasión os integrantes da compañía non son alumnas e alumnos, senón o profesorado do CPI que formamos a primeira compañía LÓVA de Galicia integrada por docentes dun claustro”, explica Ana Isabel Vázquez, portavoz de Doas e unha das mestras que levan titorizando o proxecto en San Sadurniño desde o curso 2013-2014. Vázquez engade que a representación de hoxe é resultado “dun seminario permanente do plan de formación ofertado polo CFR de Ferrol” ao que asistiron as mestras e mestres.

A obra conta a historia dunha banda de rock que se separa por diferenzas nas prioridades dos seus membros. A fama e os cartos fronte á amizade; a ambición fronte á lealdade; a identidade xenuína fronte aos produtos feitos á medida do mercado… desencontros, en definitiva, que se reproducen unha e outra vez no mundo da música e que nuns casos acaban en rupturas soadas e, noutros, nun fortalecemento dos vínculos entre os seus compoñentes, como ocorre en “Con-certo sen-ti-do”.

O proxecto escénico e musical deste ano segue a estela dos producidos en anos anteriores pola rapazada, na liña de promover a creatividade artística dentro do currículo e, máis que nada, a transmisión de competencias e habilidades sociais como a escoita activa, a empatía, a responsabilidade e a capacidade para resolver conflitos. Segundo comenta Ana Isabel Vázquez, a obra producida e interpretada polo profesorado desenvolve a tese de “dárlle valor ás cousas importantes na vida, que ás veces son as que nos parecen máis insignificantes e en realidade son as que temos que priorizar”.

Para que puidese presenciar a obra toda a rapazada do centro de ensino, a Compañía de Ópera Doas ofreceu dúas funcións esta mañá na Casa da Cultura, unha ás 10:00 e outra ás 12:00h. “Foi toda unha sorpresa para as alumnas e alumnos, que non contaban con que nós fixesemos unha obra musical para elas e eles. E para nós foi unha experiencia moi enriquecedora e gratificante”, conclúe Vázquez.