Friday 22 de November de 2024

Medio Ambiente e Fiscalía acordan traballar nun convenio de colaboración en materia urbanística e de control de vertidos


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, reuniuse hoxe co Fiscal Superior de Galicia, Fernando Suanzes, para abordar diversos temas, relacionados principalmente co urbanismo, a hidroloxía e a protección da natureza

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e a Fiscalía acordaron traballar na elaboración dun convenio co fin de ampliar a colaboración xa existente entre os dous organismos en materia urbanística e de control de vertidos. O obxectivo dese protocolo será dotar dun marco regulador a esa cooperación e establecer os compromisos de cada parte, así como as accións conxuntas a desenvolver.

Así o adiantou hoxe a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, tras reunirse co Fiscal Superior de Galicia, Fernando Suanzes. No seu encontro de traballo, abordaron diversos asuntos de interese para ambos organismos, que xiraron fundamentalmente ao redor do urbanismo, a hidroloxía e a protección da natureza.

Segundo os datos de 2014, o 75 por cento das dilixencias incoadas por Fiscalía que competen a Consellería de Medio Ambiente correspondéronse coa área de ordenación do territorio e urbanismo. De feito, o pasado ano rexistrouse un repunte nos expedientes abertos por Fiscalía por esta causa, logo de que sufriran un descenso entre 2008 e 2012 debido á crise económica.

“É fundamental seguir fomentando a colaboración entre a Fiscalía e a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU)”, considerou Mato, quen recordou que a APLU ten remitido á Fiscalía desde 2010 un total de 293 resolucións de expedientes de reposición da legalidade urbanística que poderían ser constitutivos de delito.

Ao respecto, a conselleira puxo tamén en valor que nos últimos anos tense detectado un incremento de restitucións da orde física alterada, grazas á actuación da APLU e da Fiscalía. Este ano, ata novembro, xa se teñen executado 130 restitucións da orde física. Ademais, cada ano se realizan máis demolicións voluntarias, grazas ao labor de asesoramento da Axencia. “Non podemos esquecer que o principal cometido da APLU é previr as ilegalidades urbanísticas e, no caso de que se produzan, atallalas o antes posible. Demoler os edificios é sempre a última das opcións”, precisou Mato.

Control de vertidos e protección da natureza
Outra das liñas principais de intercambio de información entre Medio Ambiente e a Fiscalía refírese aos asuntos relacionados cos vertidos contaminantes ao Domino Público Hidráulico. Durante o pasado ano, a Fiscalía solicitou a Augas de Galicia informes sobre vertidos contaminantes en 27 ocasións.

De feito, o control e eliminación de vertidos é unha das prioridades do Goberno galego. Unha das ferramentas coas que se dotou a Consellería para cumprir este obxectivo é o Plan de Control de Vertidos, que se encarga de xestionar as alertas, inspeccionar e realizar seguimentos de puntos de vertido, e inventarialos. Ao abeiro do mesmo, o ano pasado realizáronse máis de 2.700 inspeccións, e inventariáronse máis de 6.100 puntos de vertido, dos que o 70 por cento cumpren cos parámetros legais e o 30 por cento restante son contaminantes ou están en fase de investigación. Ao respecto desta última porcentaxe, tanto a conselleira como o Fiscal coincidiron en apuntar que é esta cifra á que se debe prestar unha maior atención.

Xa por último, a terceira liña fundamental de colaboración abordada na reunión de hoxe xirou ao redor da protección da natureza, e da súa fauna e flora.

En definitiva, concluíu Mato, esta reunión “serviu para seguir avanzando na cooperación e diálogo, co obxectivo de mellorar a resposta conxunta que ofrecemos aos galegos e galegas, así como a protección da nosa fauna, a nosa natureza e a nosa paisaxe”.