Friday 22 de November de 2024

Bota a andar o novo executivo municipal co reparto de áreas e a primeira reunión da Xunta de Goberno local


A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas, deron conta en rolda de prensa do reparto de competencias do executivo local, configurado co obxectivo de formar un “goberno unido, cohesionado e forte” que “responda ás necesidades da cidade, sempre coas portas abertas á veciñanza, ás asociacións e en colaboración con outras institucións”. Ás 13:00 horas tivo lugar a primeira reunión da Xunta de Goberno local.

O reparto de áreas do novo Goberno municipal será o seguinte:

Míriam Louzao Fernández, concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica, con competencias nas materias de patrimonio cultural, cultura (Auditorio de Galicia, Teatro Principal e Zona C), memoria histórica, educación, turismo, incluído o relativo á Sociedade Municipal Información e Comunicación Local, S.A. (INCOLSA). Segunda tenente de alcaldesa e voceira do Goberno municipal.

Manuel César Vila, concelleiro de Economía e Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local, con competencias nas materias de planificación económica e financeira, xestión tributaria, xestión orzamentaria e política fiscal; persoal e réxime interno; contratación; arquivo e innovación e informática. Tamén se lle delegan as competencias de recoñecemento e liquidación de obrigas derivadas de compromisos de gastos legalmente adquiridos; ordenación de pagamentos, que inclúe a sinatura nos documentos nos que se formaliza o pago material; as relativas ao exercicio da responsabilidade patrimonial que corresponden a esta Alcaldía; e oficina de información de recursos e fondos, captación de fondos europeos e captación de investimentos industriais.

María Rozas Pérez, concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, con competencias nas materias de promoción económica, comercio, emprego, políticas sociais, diversidade, economía social, maiores, saúde, na Unidade Atención ás Migracións (UAMI), cooperación ao desenvolvemento, xuventude e orzamentos participativos. Primeira tenente de alcaldesa.

Iago Lestegás Tizón, concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, con competencias nas materias de urbanismo (planeamento, xestión urbanística, licenzas e disciplina urbanística e aqueloutras que a normativa urbanística lle atribúa á Alcaldía), patrimonio municipal (xestión, protección, conservación e defensa, incluída a formulación de solicitudes; alegacións ou outras actuacións ante persoas ou entidades públicas ou privadas para a súa defensa, debida constancia ou regularización); cidade histórica, vivenda e rehabilitación; e as relativas ao exercicio da potestade expropiatoria deste Concello e as que na súa representación corresponden á Alcaldía en procedementos de expropiación forzosa doutras Administacións.

Xesús Manuel Domínguez Domínguez, concelleiro de Sustentabilidade Ambiental, Dereitos dos Animais, Servizos Básicos Comunitarios, Parques e Xardíns e Vías e Obras, con competencias nas materias de medio ambiente, parques e xardíns, obras promovidas polo Concello e Brigada Municipal de Obras, servizos relativos ao ciclo integral da auga, servizo de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos, enerxía, defensa dos dereitos dos animais, incluídas as competencias que lle poidan corresponder á Alcaldía na Fundación Refuxio de Animais. Terceiro tenente de alcaldesa.

Xan Duro Fernández, concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, con competencias nas materias de mobilidade, incluídos os servizos de guindastre e ORA e no relativo á Sociedade Municipal de Xestión do Transporte Urbano de Santiago, S.A. (TUSSA); Policía Local; Protección Civil; Servizo de Extinción de Incendios e Emerxencias; mercados; e coordinación da actividade e funcionamento dos centros socioculturais e a súa dirección, inspección e impulso. Tamén se lle delegan as seguintes competencias: sancionadora de infraccións cometidas en materia de tráfico e seguridade viaria na vías urbanas do Concello; sancionadora das infraccións cometidas en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas previstas na lexislación de seguridade cidadá; sancionadora das infraccións cometidas en materia de prevención de consumo de bebidas alcohólicas previstas na correspondente lexislación; o outorgamento das autorizacións e licenzas previstas no Real decreto 137/1993, do 29 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de armas e a competencia sancionadora das infraccións relacionadas coa aplicación da citada norma: e a concesión de licenza para a posta en funcionamento de instalacións eventuais, portátiles ou desmontables e, en xeral, para as pequenas diversións que se dean ao público.

Pilar Lueiro García, concelleira de Deportes, Relacións Veciñais, Festas, Rural e UMAD, con competencias nas materias de deportes, relacións veciñais, festas, medio rural e a Unidade Municipal de Atención a Drogodependencias (UMAD). Cuarta tenente de alcaldesa.

A alcaldesa resérvase para si mesma as competencias no ámbito de lingua, igualdade, relacións institucionais, padrón de habitantes e Axenda 2030, xa que se trata de “cuestións absolutamente transversais”, explicou.

A Xunta de Goberno Local estará integrada por Goretti Sanmartín, Manuel César Vila, Míriam Louzao Fernández, Xesús Manuel Domínguez Domínguez, Pilar Lueiro García, Iago Lestegás Tizón, María Rozas Pérez e Xan Xesús Duro Fernández. As sesión celebraranse os luns ás 10:00 h. O alcaldesa exercerá de voceira da Xunta de Goberno; Manuel César Vila, de concelleiro-secretario e Míriam Louzao Fernández, de concelleira-secretaria suplente.

Goberno unido e transformador

A nova rexedora explicou que con este reparto de competencias “comezamos esta nova etapa, este novo camiño” que é “unha aposta por un goberno transformador para Santiago de Compostela” que vai funcionar como “un goberno unido, cohesionado e forte que lle vai dar resposta ás necesidades da cidade, sempre coas portas abertas á veciñanza, ás asociacións e en colaboración con outras institucións” e rexido por “cuestións que teñan que ver con chegar a acordos, a consensos, a pactos polo ben do conxunto da veciñanza”.

Pola súa banda, a primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas, expresou a satisfacción polo reparto de áreas, xa que “é acaído cos perfís” e está en liña con áreas asumidas en experiencias municipais pasadas.

María Rozas amosouse contenta de afrontar “un dos principais retos que ten Santiago que é o da mobilidade”, área na que hai “cuestións importantes que desde este goberno homoxéneo e unido teremos que afrontar de forma rápida, como pode ser o do transporte público”. A concelleira tamén aludiu á competencia de Centros Socioculturais, “un departamento moi relevante porque está pegado ao territorio e cun importante contacto cos veciños e coas veciñas”. “Temos vontade de impulsar e de aproveitar esa grande rede de CSC que ten Santiago con moitísimo potencial, con máis de 44 centros”, engadiu.

A concelleira tamén aludiu ás competencias que recaen sobre ela mesma, como son as de mocidade, orzamentos participativos e políticas sociais, e expresou a súa intención de “avanzar en dereitos sociais”, sempre en conexión coa promoción económica, área que tamén asume. “Creo que non hai mellor política social que os dereitos sociais vinculados á economía e ao emprego”.

María Rozas reiterou que o goberno traballará “arreo e de forma conxunta” para que “os principais retos de Santiago sexan afrontados con rapidez e coa valentía necesaria nos próximos catro anos”.

Sesión plenaria de organización

A alcaldesa explicou que nos vindeiros días os novos concelleiros e concelleiras manterán as pertinentes reunións coas xefaturas de servizo, direccións de área e co persoal técnico da casa para “analizar moi polo miúdo o informe de traspasos, mirar cal é o momento actual no que están e establecer as solucións de urxencia” nas diferentes materias. Ademais anunciou que ao respecto da celebración do Pleno extraordinario de organización “a nosa intención é que poida ser, como moi tarde, ao longo deste mes de xuño”.