Friday 22 de November de 2024

O Concello licita os traballos para a construción da nova rotonda das Rañas, que permitirá mellorar a mobilidade e reforzar a seguridade viaria e peonil


A glorieta localizarase na estrada baixo a AC-14. Conectará o polígono de Pocomaco, o núcleo das Rañas e a zona comercial de Agrela

O Concello da Coruña licitou recentemente os traballos de creación da nova glorieta das Rañas, que permitirá mellorar a mobilidade e a seguridade na zona. Desta forma, o Goberno de Inés Rey dá resposta a unha demanda veciñal, que pedía un reforzo na seguridade viaria nun enclave exposto a diario a un intenso tráfico, especialmente no referente a vehículos pesados.

O lugar onde estará localizada a nova rotonda está na vía de comunicación baixo a AC-14, e conectará o polígono de Pocomaco, o núcleo das Rañas e a zona comercial de Agrela.

Trátase dun cruzamento con gran fluxo de desprazamentos e que esixía unha remodelación en termos de visibilidade, para reforzar a seguridade viaria e peonil nesta intersección.

Para conseguilo executarase unha glorieta que ocupará o mesmo espazo existente naactualidade. Procederase cunha reordenación dos espazos peonís coa instalacións de pasos de peóns elevados, así como coa mellora e ampliación das beirarrúas, coa súa adaptación aos estándares normativos de accesibilidade. Ademais, tamén está prevista a creación dunha zona verde con árbores no espazo central da rotonda. Por outra banda, instalaranse novos elementos de sinalización para acadar unha mellor seguridade e renovarase a iluminación da vía.

Coa posta en marcha desta iniciativa, o Goberno municipal de Inés Rey continúa avanzando na procura dunha mellora integral da mobilidade e a integración dos peóns na rúa, mellorando a súa seguridade e tendo estes preferencia.

A construción da nova rotonda das Rañas, unha vez que se adxudiquen os traballos, terá un prazo de execución de seis meses. O orzamento total é de 342.299,93 euros.