Co ánimo de impulsar a práctica do atletismo entre os máis pequenos e pequenas, o Concello de Neda organizaba onte pola mañá a sexta edición da súa Carreira Escolar. Nela tomaron parte un centenar de nenos e nenas de entre 4 e 12 anos das categorías biberón, prebenxamín, benxamín e alevín. En función destas, cubriron distancias entre os 50 e os 900 metros, na privilexiada contorna da pista polideportiva dos Subarreiros. Aínda que a maioría dos e das atletas eran locais, estudantes dos coles de Maciñeira e San Isidro, na cita tamén participou alumnado de centros educativos da comarca, como o CPI O Feal, CEIP A Gándara e Ponzos ou CPR Plurilingüe Valle Inclán 1. Unha carreira na que colaborou un ano máis Protección Civil de Neda, e que se convertía nunha auténtica festa do deporte.