Saturday 16 de November de 2024

A consellería de Sanidade reforza o asesoramento á hostalaría de Betanzos sobre a restrición da auga da traída municipal


― O departamento sanitario galego reforzará, a partir do luns, 19 de xuño, o asesoramento aos hostaleiros deste concello mediante unha liña telefónica directa de atención coa asociación de hostaleiros

O concello de Betanzos ten trasladado á Consellería de Sanidade as posibles dúbidas do sector hostaleiro no referente á restrición da agua da traída. Se ben a Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade da Coruña xa está a informar a toda a veciñanza e empresas que solicitaron asesoramento sobre diferente casuística relacionada coa restrición da agua da traída do concello, a partir do luns, 19 de xuño, o departamento sanitario galego reforzará este servizo cunha liña telefónica directa de asesoramento para a asociación de hostaleiros, co obxectivo de aclarar todas as posibles dúbidas sobre as restricións.

O asesoramento estará a cargo da Xefatura Territorial, a través de dous expertos cualificados en seguridade alimentaria, e estará operativo ata que o concello decrete o fin das restricións.

A Dirección Xeral de Saúde pública da Consellería de Sanidade recorda que, no que se refire ás recomendacións sanitarias dirixidas a poboación xeral, mantéñense as restricións de uso xa establecidas, é dicir, non utilizar a auga nin para a inxesta (bebida ou preparación de alimentos), nin para o lavado de alimentos, nin para a hixiene bucodental. Poderase empregar a auga para hixiene persoal (lavado de mans e duchas), así como para usos domésticos de limpeza.

En contornas nas que exista relación con persoas afectadas con gastroenterite, recoméndase, así mesmo, extremar e reforzar as medidas de hixiene persoal, especialmente o lavado de mans e a limpeza de superficies. As persoas con gastroenterite deberán absterse de manipular alimentos.