Saturday 16 de November de 2024

A Xunta iniciará esta semana novos traballos de limpeza nas marxes en 2 estradas autonómicas ao paso polos concellos de Brión, Noia, Muros e Cee


― Os novos traballos desenvolveranse na vía de altas prestacións Brión-Noia e na estrada AC-550, nos municipios de Cee, Muros e Noia

― Proseguirán as actuacións na vía de altas prestacións que une Monforte de Lemos co Alto do Faro (CG-2.1) ou nas marxes da autovía AG-51 en Salvaterra de Miño

― No caso da provincia de Ourense, as tarefas levaranse a cabo na estrada OU-801, que comunica os municipios de Padrenda e Ribadavia

― As actuacións forman parte do novo contrato coa empresa pública Seaga para o control da biomasa das marxes das estradas autonómicas, cun investimento de case 3 M€ en dous anos

A Xunta iniciará esta semana novos traballos de limpeza nas marxes de dúas estradas autonómicas ao paso polos concellos de Brión, Noia, Muros e Cee.

Os novos traballos desenvolveranse na vía de altas prestacións Brión-Noia e na estrada AC-550, nos municipios de Cee, Muros e Noia.

Na provincia da Coruña, tamén proseguirán as intervencións de roza e limpeza na estrada AC-429, que discorre polos concellos de Cabana de Bergantiños e de Laxe.

Na provincia de Lugo, seguirán avanzando os traballos xa en marcha nas últimas semanas na vías de altas prestacións que une Monforte de Lemos co Alto do Faro (CG-2.1).

No caso de Ourense, as tarefas levaranse a cabo na estrada OU-801, que comunica os municipios de Padrenda e de Ribadavia.

Ademais continuarán as actuacións nas marxes da autovía AG-51, no concello pontevedrés de Salvaterra de Miño.

Control de biomasa
Estas actuacións forman parte do novo contrato coa empresa pública Seaga para o control da biomasa das marxes das estradas autonómicas, que supón un investimento de preto de 3 M€ para os dous próximos anos.

As intervencións consisten no roce de vexetación na zona de dominio público das estradas autonómicas, así como no acondicionamento de zonas verdes en sendas peonís e glorietas, e a reposición ou reparación de elementos de valado perimetral das estradas.

Os obxectivos deste programa son previr o risco de lumes e contribuír ao reforzo da seguridade viaria mediante o aumento da visibilidade e as accións para facilitar o tránsito de peóns e ciclistas.