Saturday 16 de November de 2024

O Concello presenta unha ampla e completa programación cultural e deportiva para este verán


• A nivel cultural, desenvolveranse iniciativas en varias parroquias do Concello relacionadas coa maxia, a música, a poesía, teatro, cine, obradoiros e festas.

• En clave deportiva, destacan os pequecampamentos e os campamentos deportivos. As inscricións para participar nalgunha actividade deportiva poden formalizarse do 22 ao 29 de xuño na Casa do Concello.

O Concello de Laxe organizou unha ampla e completa oferta cultural e deportiva para este verán con dous obxectivos: fomentar actividades dinámicas e lúdicas entre a rapazada e facilitar a conciliación laboral e familiar.

As actividades desenvolveranse de xuño a setembro, arrincando a primeira delas o vindeiro sábado, día 24, cunha festa de benvida ó verán. Neste caso, a praza de Voluntarios acollerá de 19:30 a 21:30 horas espectáculos de música, pintacaras ou obradoiros. Despois, ás 22:30 horas, terá lugar a función ‘Circo de lume’ con Asacocirco mentres que uns fogos de artificio poñerán punto e final a esta xornada.

O resto de actividades desenvolveranse a partir do sábado, 8 de xullo. Música, clown, concertos musicais, monicreques, cine, maxia, pasarrúas, poesía ou diferentes obradoiros sucederanse todas as fin de semana (e tamén algún día solto) en diferentes parroquias de Laxe.

En clave máis deportiva, destacan os pequecampamentos e os campamentos deportivos.

Pequecampamentos

Haberá tres quendas de dez días cada unha: do 3 ao 14 de xullo, do 17 ao 31 de xullo e do 1 ao 14 de agosto. Esta iniciativa desenvolverase sempre en horario de mañá, de 10:00 a 13:30 horas.

Entre as actividades que se poñerán en marcha destacan: fútbol, baloncesto, xogos, praia, piscina ou diferentes visitas.

Campamentos deportivos

Neste caso, tamén haberá tres quendas de dez días de duración que se corresponden cos mesmos prazos que nos pequecampamentos.

As actividades, similares ás anteriormente mencionadas, tamén se desenvolverán en horario de mañá.

En canto aos prezos, unha quincena ten un custo de 40 euros para as persoas empadroadas e de 60 euros para as que non o están. De elixirse dúas quincenas, o prazo para empadroados ascende a 70 euros e a 100 euros para o resto.

Máis actividades

Está prevista unha visita ao parque acuático de Cerceda para o xoves, 20 de xullo. Poderán participar na mesma aquelas persoas con idades comprendidas entre os 9 e os 17 anos. Hai 50 prazas dispoñibles.

Ademais, tamén haberá cursos de iniciación ao paddle surf e kayak, así como diversos campionatos de salvamento acuático ou de surf a nivel autonómico e nacional.

Inscricións

As persoas que desexen participar en calquera das actividades deportivas deberán anotarse do 22 ao 29 de xuño na Casa do Concello, de 10:00 a 13:30 horas.