O dúo cómico Mofa e Befa representará a súa obra “Bobas & Galegas” mañá sábado 21 de novembro, ás 20:30 horas, no centro social polivalente de Brión. Unha actuación de entrada libre e gratuíta que está incluída no Outono Cultural, organizado polo Concello de Brión e colaboración coa Deputación da Coruña.
Os cómicos Evaristo Calvo e Víctor Mosquera trasladarán ao público brionés ao Século de Ouro cunha comedia escrita e dirixida por Quico Cadaval, quen se inspirou en textos de autores como Lope de Vega ou Calderón de la Barca. De feito, a representación realízase en verso, no medio dun ambiente onírico e fantástico no que a música chega a converterse nunha personaxe máis.