· A candidata socialista foi investida hoxe como alcaldesa coa maioría absoluta que lle concederon as eleccións do 28 de maio.
O salón de plenos do Concello de Camariñas acolleu hoxe a sesión constitutiva dunha nova corporación no Concello de Camariñas, tralas eleccións municipais do pasado 28 de maio. A socialista Sandra Insua, que acadou maioría absoluta, foi investida e será a alcaldesa de Camariñas durante o próximo mandato.
Na votación, a rexidora foi investida grazas a maioría absoluta coa que conta a lista socialista, con 8 concelleiros dun total de 13. Pola súa parte o PP, con 4 escaños, votou á súa candidata e o BNG, con 1, fixo o mesmo co seu cabeza de lista.
Tras recoller o bastón de mando, a recén designada alcaldesa tomou a palabra para dar inicio a “unha nova etapa, dando as grazas de corazón a todas as persoas que depositaron a súa confianza en nós, e aos meus compañeiros do grupo de goberno e a toda a lista que me acompañou nesta loita”. “Sen o voso traballo, dedicación e compromiso, este momento non sería posible”, afirmou.
“Ao mirar arredor deste salón de plenos, atopámonos con importantes símbolos da historia de Camariñas. Alí están os cadros dos catro alcaldes da democracia que nos precederon: Don Jesús Ramos Fuentes, Bautista Santos, recentemente falecido, e Pichurri. Hoxe, quero render homenaxe a cada un deles pola súa dedicación ao servizo público e polo legado que deixaron na nosa vila. Bautista Santos, en particular, merece unhas palabras especiais para recordar a súa contribución á nosa comunidade. O seu exemplo de entrega e compromiso será sempre un faro que iluminará o noso camiño”, comentou.
Sandra Insua comprometeuse a “traballar para fomentar un desenvolvemento económico sostible, protexer e preservar o noso entorno natural, promover a cultura e o turismo, e asegurarnos de que os servizos e as infraestruturas atenden ás necesidades dos nosos veciños”. “Camariñas é un conxunto de miradas, de historias entrelazadas, e hoxe comeza un novo capítulo nesta historia colectiva. Un capítulo no que a participación cidadá, o diálogo e a transparencia serán as pautas do noso goberno”, salientou.