Friday 22 de November de 2024

Goretti Sanmartín convértese na primeira alcaldesa de Santiago e comprométese a situar Compostela na vangarda da igualdade, do feminismo, da sostibilidade, do emprego e do benestar


Goretti Sanmartín tomou posesión do cargo de alcaldesa na sesión de constitución da nova Corporación municipal 2023-2027 celebrado na mañá deste sábado. A cabeza de lista do BNG foi elixida ao ser a candidata máis votada con 14 votos.

Goretti Sanmartín comezou o seu discurso de toma de posesión expresando a súa “intensa emoción” por asumir con “gran responsabilidade” e “maior honra” a oportunidade que supón “contribuír a mellorar a vida do noso concello”. “A política só ten xustificación se o fin é facer máis felices ás persoas, construír un mundo mellor, deseñar, no noso caso, un concello novo”, explicou.

A nova alcaldesa definiu a súa intervención como un “discurso de amor, de confianza e de esperanza. Amor a Compostela, confianza na súa xente e nos moitos e ricos recursos que este concello ten, e a esperanza en podermos traballar por un futuro que nos sitúe na vangarda en feminismo e igualdade, en sustentabilidade e loita contra o cambio climático, en creación de emprego, en solidariedade e benestar, e, en definitiva, en políticas pensadas para as persoas”.

Pacto polo Turismo Consciente

Goretti Sanmartín expresou o seu orgullo por vivir neste Concello como “veciña de Sar”, circunstancia “que me ofrece o luxo de dar cada día un paseo marabilloso até chegar ao Pazo de Raxoi” e aprezar os “tesouros da cidade” como o “Arco de Mazarelos, a única das sete portas da cidade que se mantén en pé”. Tamén recordou “os vestixios en forma de nome que compoñen o catálogo do patrimonio desaparecido, como o Edificio Castromil da Praza de Galiza, o lavadoiro do Espiño ou a papelaría das Cinco Rúas”.

Enlazando con estas lembranzas, expresou o seu desexo de que o “concello deixe de ser só destino turístico e parque temático” para converterse nun “Santiago para a xente, para vivir e gozar, do que non haxa que fuxir”, apoiando “un sector turístico rico e próspero mais tamén dunha cidade cómoda e respirable”. Neste sentido, a nova alcaldesa anunciou a sinatura dun “Pacto polo Turismo Consciente que, á vista está, ten cada vez máis urxencia”.

Cooperación institucional

Na súa intervención, referiuse á praza do Obradoiro como un escaparate dos “elementos máis significativos do noso concello”: o turismo, institucións públicas como o Concello, a Xunta ou o propio Consello da Cultura e a Universidade e o seu estudantado e a Catedral como “tesouro patrimonial” e “destino de peregrinaxe”. “Con todos eles queremos facer camiño, para coller pulo, para identificar os problemas e procurar solucións, de mans dadas, para sumar forzas e proxectar Santiago a este século XXI que tanto nos está custando”, salientou.

Sanmartín prometeu un “goberno do diálogo, do encontro, dos proxectos colectivos, da palabra dada”, no que será clave a “cooperación institucional” e o “diálogo” e compremeteuse a facer todo o posible por unha comunicación “fluída e frutífera” e un “goberno da transparencia, da honestidade e honradez absoluta”.

Recuperación da memoria democrática

Tamén defendeu a necesidade de recuperar e homenaxear “a memoria de tantas persoas que foron represaliadas por loitaren pola liberdade e a democracia” e recordou a figura “do que fora alcalde de Santiago, republicano e nacionalista, Anxel Casal, que dirixiu o goberno municipal con 8 concelleiros do Partido Galeguista nunha corporación composta por 32 membros”, cuxo retrato presidirá o seu despacho na alcaldía como exemplo do “compromiso necesario e vontade de deseñar unha Compostela de vangarda e futuro que o golpe militar truncou”. Recordou tamén a María Miramontes, Coralia e Maruxa, Roberto Vidal Bolaño, o Mestre Mateo, Begoña Caamaño, Xohana Torres, Carlos e Xulio Maside, Antonia Ferrín, o Vello dos Contos, Concha Castroviejo, Xelmírez, a Exeria, a Camilo Díaz Baliño e “tantas outras persoas que forman parte da memoria deste concello, da nosa memoria, da que debemos continuar rescatando ensinanzas”.

A alcaldesa dedicou unha mención especial á “escritora galega máis universal, a nosa pioneira do feminismo, Rosalía de Castro” e anunciou a posta en marcha do “Proxecto Compostela, cidade de Rosalía, que será unha plataforma da nosa cultura para o exterior e converterá Santiago nunha cidade apegada á grande figura dunha poeta única que ten que ser tamén marca de identidade do noso concello”.

Neste sentido recordou que a cultura é “un sector estratéxico” para Compostela, polo que é necesario “aproveitar o noso riquísimo patrimonio, a potente creatividade e o sector económico que se xera arredor da cultura para que nos proxecte na mellor maneira que temos de presentarnos no mundo, con ambición, con orgullo de concello”.

Igualdade, feminismo e loita contra o cambio climático

Tamén expresou a súa intención de que o Concello “estea na vangarda do feminismo e da igualdade, pero “de todas as igualdades”. “A redución das fendas de xénero e as violencias, a integración, a eliminación das exclusións, serán obxectivos dunha política municipal social que non deixe ninguén fóra”, detallou.

Neste sentido, tamén aludiu á súa aposta por unha “transformación urbana” para “eliminar as barreiras, todas as barreiras, e apostar por unha cidade accesible, integrada e que teña as persoas no centro”. Así, comprometeuse a realizar “un estudo en todo o territorio” e desenvolver “intervencións urxentes no camiño da accesibilidade universal”.

A nova rexedora tamén adiantou a elaboración dunha “ampla estratexia para contribuír a enfrontar a emerxencia climática” así como a súa intención de unirse ao “cumio de concellos pola sustentabilidade” con fin de “poñerlle freo a unha desfeita ambiental e ecolóxica que estamos a padecer”.

Vivenda e traballo

Sanmartín expresou o seu compromiso con converter o seu mandato nun “goberno dos coidados, para todas as persoas”, o que supón tamén “unha aposta indiscutible polos elementos que nos identifican e nos dan valor como a nosa lingua, a nosa cultura, o noso patrimonio e a nosa forma de ser e vivir”.

“Coidar as persoas significa traballar para que teñan, entre outros, dous dereitos básicos: vivenda e traballo”, polo que anunciou a posta en marcha de “medidas para deixar de expulsar as persoas”, así como incrementar o número de “vivendas para habitar” e os postos de traballo diversificados”.

No tocante á actividade económica apostou pola “posibilidade de ser punteiros en distintos sectores económicos e é necesario activar todas as ferramentas para o seu desenvolvemento”. “Atraer industria vinculada ao coñecemento e ao sector empresarial propio será un dos obxectivos dun goberno”, así como volver a dar un pulo ao comercio local, “un sector de especial relevancia para o noso concello”.

Cidade histórica, outros barrios e rural compostelán

Tamén defendeu a necesidade dun “Pacto pola Cidade Histórica” que permita que “nas prazas xoguen nenos e nenas, nos edificios hoxe en ruínas residan familias a tempo completo, e que as persoas de máis idade que viviron aquí toda a súa vida non teñan que marchar por ser imposible manter unha mínima calidade de vida”, sen esquecer tamén os barrios urbanos, o Ensanche e un rural compostelán “que quere servizos e reclama tamén igualdade de dereitos”. O novo goberno municipal “traballará arreo para que a débeda histórica desapareza e poidan vivir como merecen”, prometeu.

A rexedora defendeu un “goberno de portas abertas” e anunciou a activación “inmediata” dos “consellos e outras canles de participación cidadá” para converter a Santiago “nun concello transparente, de portas abertas, sen nada que ocultar”, no que a “veciñanza porque vai ser a protagonista nos vindeiros catro anos da historia da política. Outro dos obxectivos que salientou foi o de “solucionar problemas”, traballando “pola eficacia da administración, activando protocolos e medidas necesarias para que o concello sexa unha axuda, que contribúa a facilitar a vida das persoas e ao desenvolvemento dos distintos sectores económicos”.

Goretti Sanmartín concluíu a súa intervención reiterando a súa intención de poñer “toda a miña enerxía, toda a miña forza e o meu compromiso persoal e político para estar á altura de tan alta encomenda” e agradecendo a confianza aos concelleiras e concelleiros do BNG, do PSdG-PSOE e de Compostela Aberta, así como aos membros da corporación e do persoal do Concello.

Ademais recalcou sentir “unha inmensa honra ser a primeira muller alcaldesa da capital galega”. “Fica moito por facer, a igualdade aínda está en proceso, mais, cando avanzamos, é de obriga para nós recoñecer o labor das que nos precederon, de todas as mulleres ás que lle debemos podermos estar hoxe aquí” engadiu. Lembrou de xeito especial a súa nai e a súa madriña, “dúas mulleres que non están xa connosco mais que me acompañarán sempre, tamén neste novo camiño”.