· Máis de 20 actuacións terán lugar no anfiteatro do paseo fluvial de Arteixo mañá, sábado 17 a partir das 18:00 horas con acceso libre e de balde.
· Trátase do acto final da Escola de Música e Baile tradicional na que o alumnado de gaita, percusión, baile e pandeireta e canto tradicional da asociación amosarán ao público que se xunte o aprendido durante todo o curso.
Tras meses de ensaios, de aprendizaxe de novas pezas, o alumnado da Escola de Música e Baile Tradicional da Asociación Xuvenil Xiradela de Arteixo celebrará o seu Fin de Curso, unha cita na que se poderán amosar a evolución lograda polos diferentes grupos de gaita, percusión, baile e pandeireta e canto tradicional. A cita é o sábado 17 de xuño a partir das 18:00 horas no anfiteatro do paseo fluvial con entrada libre e gratuíta. As actividades de danza oriental e baile moderno terán a súa actuación de fin de curso o vindeiro venres 30 de xuño desde as 18:00 horas no Centro Cívico da citada localidade coruñesa.
En total serán 24 grupos os que actuarán nese espazo ao aire libre este sábado pola tarde no Fin de Curso da Escola de Música e Baile Tradicional da A.X. Xiradela de Arteixo. Cada un deles interpretará diferentes pezas tradicionais. Haberá tempo para marchas, chotis, agarrados, cantares, valse, rumbas, maneos, pasodobres, xotas e por suposto, muiñeiras. Son pezas recollidas en lugares como A Laracha, Cerceda, Santa Comba, Malpica, Pontecaldelas, Ourense, Fornelos de Montes, Sofán, A Silva, Carballo, Zas, Val do Dubra, Xaviña, Cerceda…
Entre os grupos da Asociación Xuvenil Xiradela que actuarán están os de baile como: Arroutada, Xiradeliñas, Cinquilimpé, Samaín ou Foliadeiras. Tamén se poderá gozar da actuación de grupos de pandeireta e canto tradicional como: Chiculate, Estalotes, Riscadeiras, Mistura, Troulada, A Pedreira, Retelladas, Lume, A Reghocheo, Arrieiras ou Algarada.
Na parte final deste acto de Fin de Curso, todas as persoas integrantes da A.X. Xiradela interpretarán conxuntamente varios temas.
Espérase que, como en anos anteriores, numeroso público se de cita no anfiteatro do paseo fluvial de Arteixo para seguir estas actuacións. Familiares, amigos, transeúntes curiosos e persoas afeccionadas ao folclore tradicional chegadas de diferentes puntos da comarca afán sumarse a esta festa que pon fin a meses de ensaios e aprendizaxe.
QUEN SOMOS
A Asociación Xuvenil Xiradela, radicada no municipio de Arteixo (A Coruña), nace no ano 1982 co obxectivo de recuperar o noso folclore e gozar do tempo libre, así como de colaborar con outras asociacións ou entidades que nos permiten, por unha banda difundir o noso traballo, e por outro, axudar a promover a socialización dos mozos con xente doutras asociacións.
Esta asociación supera os 40 anos de existencia. Comezou impartindo baile tradicional, e logo ampliou a oferta ás actividades de pandeireta e canto tradicional, gaita e percusión, entre outras.
A partir do ano 1984 créase un grupo de investigación para a recollida de música, cancións, literatura oral, costumes, bailes e traxes dos nosos antepasados, a súa recuperación e divulgación, pretendendo ser o máis fieis posible á máis pura tradición galega.
A A.X. Xiradela celebra anualmente un concurso de música tradicional e, desde o ano 1987, celebra o Día dá Muiñeira en Arteixo no mes de xuño. Trátase dunha exhibición na rúa de bailaríns da peza máis emblemática do noso folclore.