Friday 22 de November de 2024

O programa Vive o verán 2023 oferta 3.000 prazas para actividades como música ao vivo, danza, roteiros ou obradoiros artísticos para todos os públicos


A vindeira semana arrancan as actividades do programa “Vive o verán 2023”, organizado pola Rede de Centros Socioculturais, que oferta nos meses de xuño, xullo e setembro arredor de 3.000 prazas para 42 actividades culturais e de ocio de balde, repartidas en 100 sesións en diferentes localizacións e horarios. O programa arrancará a vindeira semana cos roteiros dedicados á recollida das Herbas de San Xoán.

Vive o verán volve un ano máis aos centros socioculturais urbanos e rurais do municipio, ofrecendo máis de 40 actividades dirixidas a un público interxeracional, tanto para familias, persoas adultas como para os máis novos. O programa está dividido en varios bloques: as “Cativadas de verán”, os “Clubs de Verán” e “Verán mozo”, para os máis mozos; as actividades dirixidas a un público adulto que se desenvolverán nos CSC de Fontiñas, Trisca, Ensanche, Romaño e Maruxa e Coralia, así como a oferta ao aire libre para un público familiar como “Verán nos parques” e os roteiros de “Paseando no verán”. Tamén volven e os tradicionais “Espectáculos de Verán” que terán lugar en varios centros ao longo do mes xullo. Durante este mes, os centros do Ensanche, Fontiñas, da cidade histórica e do Romaño, abrirán tamén pola tarde.

Con este programa estacional que os CSC levan desenvolvendo durante anos, preténdese facilitar que a veciñanza poida desfrutar do verán como un tempo para un lecer educativo, comunitario e de achegamento aos espazos abertos da cidade, barios e parroquias, ofrecendo unha chea de propostas para públicos diversos, todas de balde, agás as Cativadas de Verán.

O programa deste ano abrangue todas as franxas de idade apostando de forma especial pola estimulación da poboación maior e o envellecemento activo, con propostas de movemento e saídas, formación en competencias tecnolóxicas para a vida cotiá, encontros e visitas. Tamén haberá actividades de Parkour! para a mocidade ou as populares ‘Cativadas de Verán’ para os e as máis pequenas.

Os parques convértense novamente en espazos de encontro onde se poderán seguir actividades de taichí e chi kung, danza, obradoiros de pintura e debuxo, xogos, lecturas na natureza ou andainas saudables.

Vive o verán tamén ofrece unha ampla e variada oferta de espectáculos para todos os públicos que percorrerán durante o mes de xullo en espazos ao aire libre como o xardín do CSC Maruxa e Coralia, a praza José Saramago do CSC de Vite, a carballeira do Banquete de Conxo ou os parques de Cotaredo e Pontepedriña.

Ademais, os traballos artísticos da iniciativa “O Museo máis pequeno da cidade” continuarán expostos ata o 14 de xullo nos establecementos da cidade e para o mes de setembro se prevé a inauguración da mostra ao aire libre “espazos socioculturais en trazos”, con 45 debuxos realizados por David Orihuela que percorrerán os diferente barrios e parroquias do municipio. Estes debuxos formaron parte da intervención artística dos CSC que no mes de decembro estivo na igrexa de San Fiz, representando o Belén elaborado nos centros socioculturais.

A programación pode consultarse na web do concello, nas redes sociais dos Centros Socioculturais, e nos mesmos centros. A información das distintas actividades pode descargarse escaneando o código QR que aparece no folleto informativo, cos detalles sobre o procedemento e lugar de inscrición. No caso dos espectáculos de verán, non é preciso inscripción previa.