O voceiro do Goberno municipal participou esta mañá no programa radiofónico que abriu camiño á xornada inaugural do VII Encontro Internacional Acampa pola Paz, nos xardíns de Méndez Núñez
O voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, participou esta mañá na programación de actividades prevista na xornada inaugural do VII Encontro Internacional Acampa pola Paz, unha iniciativa da Rede Acampa que conta co apoio do Concello da Coruña (que aporta 50.000 euros este ano) e que, ata este domingo 18, achegará á cidadanía unha reflexión colectiva sobre o impacto social dos conflitos internacionais e a realidade das persoas que buscan refuxio lonxe dos seus fogares.
Neste sentido, o VII Encontro Internacional Acampa pola Paz abriuse hoxe coa emisión do programa radiofónico Radio Acampa, dirixido por Isabel Risco e Ricardo Sandoval, e no que Lage recalcou que “desde as administracións municipais, desde o local, pódese facer un traballo fundamental a prol da cooperación internacional”.
O voceiro do Goberno municipal lembrou as diversas iniciativas promovidas desde o Concello para “achegar solucións e contribuír aos proxectos de vida das persoas que chegan á cidade fuxindo da persecución e a intolerancia, na busca dun futuro mellor e do recoñecemento dos dereitos fundamentais dos que todo ser humano debe gozar”. A este respecto, Lage puxo en valor o compromiso do Goberno de Inés Rey co tecido social:
“Somos a cidade de Galicia que máis fondos destina ás áreas de Benestar Social e Igualdade. Mantemos, ademais, convenios por máis de tres millóns de euros con entidades que traballan pola xente máis vulnerable, e camiñamos da man coas asociacións que loitan contra o racismo e a favor da protección das persoas refuxiadas”.
O balance de actividade da Unidade de Asesoramento ás Migracións
Esta mañá, Lage tamén fixo balance do traballo que leva a cabo a Unidade de Asesoramento ás Migracións (UAMI), unha entidade municipal localizada no Centro Cívico dos Mallos e onde se centralizan as tarefas de atención e asesoramento á poboación migrante que chega á cidade.
O voceiro do Goberno municipal apuntou que, entre os anos 2019 e 2022, a UAMI levou a cabo 10.024 atencións e polas dependencias da unidade pasaron un total de 6.086 persoas usuarias. Ademais, Lage recalcou o traballo levado a cabo desde o Concello para a posta en marcha da Oficina Municipal de Apoio ao Pobo Ucraíno (OMAPU), “organizando en tempo récord unha oficina que deu cobertura a case 150 familias que fuxiron da guerra”.
“A Coruña e a súa cidadanía sempre estarán en primeira liña no apoio ás iniciativas de convivencia, como é o caso de Acampa. Porque a ameaza do odio está aí e é real, e o noso traballo é pecharlle sempre a porta”, concluíu Lage.
A programación do VII Encontro Internacional Acampa pola Paz
Ata este domingo 18, os xardíns de Méndez Núñez acollerán a programación de actividades prevista polo VII Encontro Internacional Acampa pola Paz. Este venres ás 19.30 horas, e como peche da xornada, terá lugar o encontro ‘Odio ou convivencia’, no que tomará parte, por streaming, o expresidente uruguaio Pepe Mújica.
Xa entre o sábado, en horario de mañá e tarde, e o domingo, en horario matinal, haberá obradoiros de convivencia e visitas guiadas polas fotoexposicións dispostas na contorna do Kiosco Alfonso e o Palco da Música.
O peche das actividades terá lugar o domingo, xornada que dará comezo coa visita guiada ao campo de persoas refuxiadas conducida por Margarita González, de Amnistía Internacional. Xa ao mediodía, ás 13.00 horas, concluirá a programación coa actuación musical da banda de percusión inclusiva Diversidarte.
A programación completa de actividades pode consultarse nesta ligazón.