Friday 22 de November de 2024

O Concello solicita a Portos de Galicia que substitúa a pasarela de madeira do paseo marítimo de Camariñas


· Sandra Insua pediu unha entrevista coa presidenta de Portos, Susana Lenguas, para informar do estado actual das táboas.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, solicitou unha entrevista coa presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, co obxectivo de requirir que se substitúa a pasarela de madeira do paseo marítimo de Camariñas debido ao mal estado actual das táboas.

“Somos conscientes de que o mantemento desa infraestrutura é competencia do Concello, como así o asumimos para solucionar un problema na ponte da dársena, pero o estado no que está pasarela fai que a solución estea máis aló dun simple mantemento”, explica a rexedora.

“Ten máis de 16 anos e hai que reformala completamente, cun investimento que o Concello non pode facer xa que Intervención non aprobaría ese gasto, ao ser un investimento”, afirma Sandra Insua.