Friday 22 de November de 2024

O Concello abrirá o luns o prazo para inscribirse nunha campaña de promoción do pemento do Couto dirixida ao sector hostaleiro local


O Concello impulsará este ano unha nova campaña de promoción do pemento do Couto dirixida ao sector hostaleiro local. Así o anunciou a edil en funcións de Promoción Económica, Natalia Hermida, que avanzou que os establecementos interesados en adherirse á experiencia gourmet da Ruta degustación do pemento do Couto poderán facelo ata o vindeiro 23 de xuño. Para anotarse é preciso enviar un correo electrónico á dirección me.mendez@naron.es indicando o nome do establecemento, o nome e apelidos do seu responsable, o seu DNI e un teléfono de contacto.

A campaña desenvolverase nun total de dezaoito establecementos de hostalería da cidade entre o 7 e o 16 de xullo, ambos incluídos. A clientela dos establecementos participantes poderá degustar tapas elaboradas co pemento do Couto como ingrediente principal, unha hortaliza que se lles facilitará, de balde, no marco desta iniciativa municipal.

“O pemento do Couto é unha das xoias da nosa gastronomía, un produto que coñecemos moi ben en Narón e tamén fóra da cidade pola súa excelente calidade, constatada pola Indicación Xeográfica Protexida coa que conta dende o ano 2010”, recalcou Hermida. A edil naronesa animou aos propietarios de establecementos de hostalería da cidade a inscribirse nesta campaña “a través da que queremos continuar apostando por un produto tan característico de Narón e tamén apoiar á hostalería local, un sector moi amplo e tamén de gran recoñecemento nesta cidade”.