Friday 22 de November de 2024

Os primeiros selos de calidade turística SICTED para A Coruña: 14 establecementos e empresas logran esta distinción


O Comité de Calidade e Distincións SICTED da Secretaría de Estado para o Turismo aproba as primeiras distincións para servizos turísticos do destino A Coruña

A Coruña estrea os primeiros selos de calidade turística SICTED. Un total de 14 establecementos da cidade obteñen esta distinción. O Comité de Calidade e Distincións SICTED (Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos), da Secretaría de Estado para o Turismo, comunicou nunha reunión celebrada onte en Madrid a aprobación e tramitación dos distintivos para estes establecementos e servizos turísticos tras pasar correctamente o comité de distinción e as avaliacións de calidade pertinentes. É a primeira vez que A Coruña se presenta para esta distinción.

Os establecementos e empresas que lograron o selo SICTED son: Rubine.net, A Coruña Convention Bureau, Hotel Riazor, Global Azaga, Eclectic, MEGA Mundo Estrella Galicia, Pencil&Fork, EXPOCoruña, Torre de Hércules, Centro de Interpretación e Atención ao Visitante-Oficina de Turismo, Viajes Embajador, Turismo da Coruña, Palexco e Hotel Attica21 Coruña.

O selo SICTED púxose en marcha hai oito meses para o Destino A Coruña por parte do Concello, a través do Consorcio de Turismo e Congresos da cidade. A Mesa de Calidade de Turismo da Coruña constituíuse e reuníuse por primeira vez en maio na Coruña e propuxo aos primeiros servizos turísticos da cidade para obter o selo.

Un total de 47 establecementos e empresas incorporáronse a este proceso, desde o seu inicio, para lograr a distinción SICTED; 14 acaban de conseguilo e os demais continúan coa formación para próximas avaliacións.

O SICTED é un proxecto de mellora da calidade dos destinos turísticos promovido pola Secretaría de Estado do Turismo (SETUR), co apoio da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que traballa con Servizos Turísticos de 36 oficios diferentes, co obxectivo de mellorar a experiencia e a satisfacción do turista. Turismo da Coruña sumouse como destino SICTED o 22 de novembro de 2022.