Friday 22 de November de 2024

A parroquia do Val acollerá mañá os actos centrais da Recreación da Lenda da Pena Molexa


A parroquia naronesa do Val acollerá mañá os actos centrais da Recreación da Lenda da Pena Molexa, unha programación deseñada dende o Padroado da Cultura de Narón en colaboración coa Asociación de Veciños “Os Irmandiños”, do Val, e que se iniciou a pasada fin de semana cunha andaina solsticial e unha ruta cicloturista.

Na xornada de mañá retomarase a programación ás 18.00 horas cunha sesión de xogos tradicionais e populares dirixidos a persoas de todas as idades. A partir das 20.00 horas haberá unha churrascada popular e ás 22.00 horas comezará a música, a cargo da formación galega Treixadura e, sobre as 00.30 horas poderase ver á charanga Alxibeira. Entre as dúas actuacións, concretamente ás 00.00 horas, terá lugar a tradicional recreación da Lenda da fada da Pena Molexa, na que alumnado da Escola de Teatro de Narón representará a historia dunha moura que pola noite se convertiu en rocha, coincidindo co solsticio de verán.

Dende o Concello animouse á veciñanza da cidade e doutras localidades a acudir a esta celebración, unha das máis tradicionais e representativas da historia e do patrimonio cultural de Narón.