O programa “Un mes e Pico. O Pico Sacro na literatura” chega esta fin de semana á súa fin cunha das actividades más concorridas: a Cerimonia do Lume Sagrado, que regresará este domingo 18 de xuño, ás 13.00 horas, ao cumio do monte sagrado despois de tres edicións sen celebrarse. Así, as tribos celtas de Boqueixón e Callobre, encabezadas pola Raíña Alda, porán en escena a tradición ancestral coa que se daba a benvida ao Solsticio de Verán.
Unha actividade organizada polo Concello de Boqueixón, en colaboración coa Asociación Cultural Mestre Gacio (que porá a música a través de Luz do Ilicinio) e coa Asociación do Castro da Fervenza de Callobre (A Estrada). As tribos celtas encontraranse na base o Pico Sacro e despois desprazaranse ata a Capela de San Sebastián, onde terá lugar a Cerimonia do Lume Sagrado na que os presentes empregarán a forza do Sol para acender o lume. Un lume que iluminará a noite de San Xoán en Boqueixón, xa que despois poderá solicitarse para facer as distintas cacharelas.
Dende o Concello boqueixanés animan á veciñanza e aos visitantes a sumarse a esta posta en escena, achegándolles a vestimenta e todo o material preciso para unírense á representación. Para formar parte como integrantes do séquito da Raíña Alda só será preciso formalizar a asistencia no Departamento de Turismo (boqueixonturismo@gmail.com ou 981 513 061).
Conferencia de Xosé Manuel Lobato
Un día antes, o sábado 17 de xuño, a capela de San Sebastián acollerá a conferencia “O Pico Sacro, magnetismo literario”, a cargo de Xosé Manuel Lobato, doutor en Filosofía e Ciencias da Educación, escritor, profesor e veciño de Boqueixón que ten escrito varios libros nos que o Pico Sacro está sempre presente.
A conferencia terá lugar a partir das 19:00 horas e a asistencia é gratuíta. Como o número de prazas é limitado, será preciso inscribirse no Departamento de Turismo do Concello de Boqueixón (boqueixonturismo@gmail.com ou 981 513 061).