Saturday 16 de November de 2024

O período para que menores de Narón e comarca se inscriban nas últimas 25 prazas dos Campamentos culturais de verán do Pazo remata mañá


O prazo de inscrición nos Campamentos Culturais do Pazo da Cultura remata mañá, unha xornada na que se poderán anotar menores censados en Narón pero tamén noutros concellos. A última hora de hoxe, rematadas as inscricións do día, quedaban vacantes un total de 25 prazas: dúas para nenas e nenos de 10 a 12 anos na quenda do 3 ao 14 de xullo e seis prazas, para menores desa mesma idade, na quenda do 17 ao 28 de xullo.

Así mesmo, hai vacantes para a quenda do 31 de xullo ao 11 de agosto, en concreto dúas para nenas e nenos de 3 a 5 anos; sete para os de 6 a 9 anos e oito para os de 10 a 12 anos. As persoas que se acheguen a realizar inscricións só poderán facelas de membros da súa unidade familiar.

Os Campamentos culturais de verán ofertaron un total de 225 prazas e desenvolveranse do 3 de xullo ao 11 de agosto, en tres quendas con grupos de menores de entre 3 e 12 anos. O prezo por quincena é de 50 euros e as inscricións deben tramitarse nas oficinas do Pazo da Cultura –rúa Holanda s/n- en horario de 9.00 a 13.00.