Friday 22 de November de 2024

O Concello da Coruña obtén un premio europeo polo desenvolvemento do Día da Ciencia na Rúa


Scientix, a comunidade para o ensino das ciencias en Europa, recoñece o impacto e alcance social nesta actividade promovida polo Concello a través dos Museos Científicos Coruñeses

O galardón, que recollerá unha docente do IES Menéndez Pidal en representación do Día da Ciencia na Rúa, entregarase este sábado en Bruxelas

O Concello da Coruña vén de obter un recoñecemento internacional ao Día da Ciencia na Rúa, premiado pola plataforma científica Scientix, un organismo respaldado pola Comisión Europea.

Scientix, a comunidade para o ensino das ciencias en Europa, premiou na categoría ‘STEM influencers’ ao Día da Ciencia na Rúa, a feira de ciencia que organiza cada ano o Concello da Coruña a través dos seus Museos Científicos, coa colaboración da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias, EMALCSA e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT).

Este galardón recoñece o impacto e alcance social de proxectos para o fomento da cultura científica en toda Europa. No caso do Día da Ciencia na Rúa valorouse a continuidade desta feira científica, decana en España con 27 edicións xa desenvolvidas, e a participación de máis de 1.300 persoas entre alumnado, docentes e persoal voluntario, así como unha afluencia media de 20.000 persoas en cada edición. A última edición, organizada polo Gobierno de Inés Rey, tivo lugar o pasado 6 de maio tamén con notable éxito de participación.

Para lograr este premio tamén foron decisivas as achegas no Día da Ciencia na Rúa de varios centros educativos que participan no proxecto ‘Make it open’, unha iniciativa financiada pola Comisión Europea que busca introducir nas aulas a filosofía do movemento maker, que promove a idea de que todo o mundo é capaz de desenvolver calquera tarefa no canto de contratar a un especialista para facela, facilitando desta maneira o desenvolvemento da creatividade, a colaboración, o pensamento crítico e a iniciativa persoal.

Precisamente será unha das profesoras participantes en ‘Make it open’, Elena Bascuas, do IES Menéndez Pidal da Coruña, a que recolla o premio en nome do Día da Ciencia na Rúa.

O premio entregarase este sábado 17 de xuño no Future Classroom Lab de Bruxelas, dentro do 40th Science Projects Workshop.
Na feira coruñesa participaron 50 docentes e 350 escolares de sete centros procedentes das provincias de Coruña e Pontevedra, que amosaron ao público os seus proxectos de tecnoloxía aberta.

Scientix, un proxecto que naciu para o intercambio de coñecemento

Scientix é a comunidade para o ensino das ciencias en Europa. É unha iniciativa aberta á participación de docentes, investigadores, responsables de elaboración de políticas, actores locais, pais e nais, e calquera persoa interesada na educación científica. O proxecto naceu para facilitar a constante divulgación e intercambio de coñecementos técnicos e exemplos prácticos no ensino das ciencias na Unión Europea.

Está financiado pola Comisión Europea a través do 7º Programa Marco e xestionado pola rede europea European Schoolnet (EUN). A Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) actúa como punto nacional de contacto en España para este proxecto, que recompila materiais didácticos e informes de investigacións de proxectos europeos co obxectivo de, a través de varios servizos en liña e fóra dela, crear unha comunidade participativa para os seus usuarios e usuarias.