Friday 22 de November de 2024

O Concello culmina a renovación da Rosaleda, nos xardíns de Méndez Núñez, coa renovación e pintado do pavimento da súa contorna


As obras, que comezaron a finais do ano pasado, están focalizadas no percorrido peonil comprendido entre a avenida do Porto e as inmediacións do reloxo floral

O Concello da Coruña, a través do servizo municipal de Infraestruturas, ultima estes días os traballos para completar a recuperación da Rosaleda nos xardíns de Méndez Núñez, unha intervención que afecta a nunha superficie de 527 metros cadrados nas áreas de tránsito peonil.

As obras en cuestión comezaron en novembro do ano pasado, coa renovación integral do asfaltado no treito da Rosaleda comprendido entre a avenida do Porto e a contorna do reloxo floral de Méndez Núñez, onde se substituíu o antigo firme, deteriorado polo paso do tempo e a súa exposición ás inclemencias meteorolóxicas, por unha nova capa de asfalto.

Tras concretarse esta intervención, o Concello acaba de iniciar a segunda e última fase de traballos, consistente nas tarefas de pintado, que esixían a consecución de varias xornadas sen humidade e boas temperaturas, parámetros meteorolóxicos necesarios para levar a cabo a disposición dunha pintura tricapa, na mesma cor e acabados que a existente no paseo dos xardíns lindeiro aos Cantóns. Desta forma, o Goberno municipal busca dar uniformidade, en termos de imaxe, aos percorridos peonís dos xardíns de Méndez Núñez.

O Concello levou a cabo unha actuación que dá continuidade ao plan de melloras impulsado polo Goberno de Inés Rey nos xardíns de Méndez Núñez, e que en 2020 xa propiciou a súa declaración como Zona de Especial Protección (ZEP), para acometer en fases posteriores a rehabilitación do reloxo floral, a restauración de símbolos patrimoniais como a estatua de Emilia Pardo Bazán —asociada a este enclave histórico do Ensanche— e a recuperación dos cabaliños, xestionados a través da Asociación Pro Enfermos Mentales (APEM), así como a apertura do renovado Copacabana.