Saturday 16 de November de 2024

O Concello colabora coa Barbaría Solidaria da Asociación Coruñesa de Esclerose Múltiple-ACEM


A V edición deste evento celebrarase o sábado 17 de 15.00 a 21.00 horas no Cantón Grande

O Concello da Coruña promove de novo este ano a Barbaría Solidaria, un evento organizado pola Asociación Coruñesa de Esclerose Múltiple (ACEM) coa colaboración do barbeiro coruñés José Segundo Mallo. Este evento reunirá a profesionais da barbaría de distintos puntos do país co fin de recadar fondos para mantemento dos servizos sociosanitarios e favorecer a calidade de vida das persoas que sofren esclerose múltiple.

“Estamos encantados de volver participar xunto a ACEM nesta xornada que ofrece unha forma orixinal e diferente de colaborar cos fins da asociación e animamos a todos a achegarse ás carpas que se instalarán o sábado”, sinalou a concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación, Yoya Neira.

A V edición da Barbaría Solidaria terá lugar o sábado 17 de xuño de 15.00 a 21.00 horas no Cantón Grande, xunto ao Obelisco. Os prezos dos servizos de salón de peiteado e barbaría que se ofrecerán oscilan entre os 8 e os 16 euros e destinaranse integramente a ACEM. A xornada estará amenizada por un DJ.