O alcalde en funcións destacou ademais que o concello queda nunha situación “saneada” con “20 millóns de fondos europeos dispoñibles para a realización de obras e actuacións na cidade” e outros 20 de fondos propios.
Bugallo mantivo un almorzo informativo cos medios no que agradeceu o traballo dos e das xornalistas que diariamente atenden a información local: “son un elemento importante para mellorar o funcionamento da administración”.
O alcalde en funcións quixo hoxe manter un almorzo informativo cos medios de comunicación para agradecer ás e aos xornalistas o seu traballo diario en atención ao Concello de Santiago: “só teño palabras de recoñecemento e agradecemento do excepcional labor que facedes conformando conciencia social, informando ao conxunto dos cidadáns e actuando como elemento importante para mellorar o funcionamento da administración”.
Sánchez Bugallo que quixo despedirse das e dos profesionais que diariamente atenderon a información municipal, fixo tamén balance da situación na que queda Santiago de Compostela logo dos seus catro anos á fronte da alcaldía: “é a cidade galega que máis creceu nestes últimos anos, coa renda per cápita máis elevada, é a cidade galega que xerou máis emprego tendo o menor desemprego de todas as cidades galegas” explicou.
Tamén sobre a situación da institución, o alcalde explicou que actualmente o Concello conta con 40 millóns de euros dispoñibles para a realización de obras e actuacións na cidade, 20 de fondos europeos e outros 20 de fondos propios: “é un escenario bastante razoable para deixar a alcaldía”. Bugallo destacou ademais a súa vontade de colaboración e “disposición absoluta” para facilitar o traspaso de poderes.