Friday 22 de November de 2024

Julia Otero e Pepe Domingo Castaño porán rostro e voz á campaña da Xunta contra a violencia de xénero


A secretaria xeral da Igualdade presentou a campaña institucional do 25 de novembro, Dia Internacional da Eliminación da Violencia de Xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentou hoxe a campaña institucional da Xunta para o 25 de novembro, Dia Internacional para Eliminación da Violencia de Xénero, que este ano está protagonizada polos xornalistas Julia Otero e Pepe Domingo Castaño.

Os dous colaboraron desinteresadamente, cedendo a súa imaxe á campaña que este ano se presenta co lema “Se hai saída é grazas a ti. Únete” e da que se distribuirán 35.000 carteis por todas as vilas e cidades de Galicia, en locais comerciais, de hostalería, edificios públicos, concellos, centros de saúde, centros educativos e xulgados.

O obxectivo desta iniciativa é sensibilizar á sociedade da necesidade de erradicar “entre todas e todos” a lacra da violencia machista e para iso a campaña institucional tamén se desenvolverá en prensa, radio, televisión -coa colaboración da CRTVG- e nas redes sociais. É de destacar que tanto as cuñas de radio como os spots televisivos están locutados por ambos xornalistas.

A titular de igualdade destacou o valor da prevención e do traballo conxunto para conseguir unha sociedade “cero por cento machista” e poñer fin á violencia exercida contra as mulleres. Nese sentido, avanzou unha serie de accións que a Xunta porá en marcha a vindeira semana, dirixidas tanto a vítimas como á mocidade e aos concellos galegos.

Escapp, a nova APP para vítimas de violencia de xénero
Unha das principais novidades será a presentación dunha aplicación móbil para vítimas de violencia de xénero, Escapp, unha APP para dispositivos IOS e Android que permitirá ás mulleres vítimas do maltrato obter información de apoio e acceder a recursos (CIM, comisarias, hospitais…) de interese e próximos á súa localización.

Todo iso dunha forma áxil, sinxela, intuitiva, gratuíta e sobre todo confidencial xa que a aplicación se deseñou para que permaneza oculta no menú do teléfono de tal maneira que tan só a usuaria implicada saiba que dispón dunha aplicación sobre violencia de xénero.

O luns 23, o Concello de Arbo acollerá a presentación da Guía práctica para a constitución das mesas locais de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero. A día de hoxe xa son 162 os concellos que se adheriron á Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero, que botou a andar en 2012 grazas á colaboración entre a Fegamp e a Secretaría Xeral da Igualdade.

Con este manual, a Xunta de Galicia segue a insistir na necesidade da colaboración e coordinación de todas as institucións e axentes implicados na prevención e no tratamento desta violencia, así como na atención ás súas vítimas.

Loita contra a violencia machista nas universidades
A partir da semana que vén tamén se vai poñer en marcha a campaña “Todos os días loitando contra a violencia de xénero”, unha campaña de sensibilización e información orientada ao alumnado universitario galego. Nesta iniciativa a Xunta colabora coas tres universidades galegas e as entidades Abanca Obra Social e El Corte Inglés.

En cada un dos sete campus galegos haberá un punto de atención, no que se repartirá material informativo para concienciar da violencia de xénero á xente moza, ofrecerlles pautas para recoñecela -especialmente nos casos que comeza de xeito máis sutil- e poder así previr situacións futuras.

Así mesmo, co obxectivo de afondar na ruptura de estereotipos sexistas existentes aínda na nosa sociedade, a Secretaría Xeral da Igualdade lanza unha imaxe nas redes sociais: STOP MAL AMOR. Con esta iniciativa pretendese concienciar á mocidade de que os celos non son unha expresión de amor, senón de poder, posesión e control; e que as ameazas encobren unha baixa autoestima, inseguridade e desconfianza.

Por último, López Abella tamén lembrou que, un ano máis, a Xunta de Galicia organiza este domingo, 22 de novembro, a súa andaina contra a violencia de xénero: Camiño ao respecto. Comezará ás 10.30 horas no Monte do Gozo e e está previsto que remate en torno ás 12 na Praza do Obradoiro coa lectura dun manifesto contra a violencia de xénero.

Cifras en Galicia
Segundo os últimos datos oficiais, no primeiro semestre de 2015 en Galicia presentáronse 2.607 denuncias por malos tratos e comunicáronse ao xulgados 721 medidas de protección, entre medidas cautelares e ordes de protección e afastamento.

Así mesmo, López Abella informou de que a día de hoxe 372 mulleres vítimas de violencia de xénero están a percibir algún tipo de axuda económica -periódica, pago único ou indemnización- da Xunta. Estas axudas incrementaranse o vindeiro ano e seguirán a ser unha partida ampliable dentro dos orzamentos do Goberno Galego para o ano 2016.