Contido do acordo de goberno que subscribe BNG, PBBI e PSdeG-PSOE en Ribeira.
Nas eleccións municipais celebradas o pasado 28 de maio do ano 2023, a veciñanza de Ribeira amosou de maneira clara e contundente a súa vontade para un cambio de goberno. As veciñas e veciños concederon ao BNG 2.982 votos e 5 edís; ao PBBI, 2.794 votos e 5 edís; ao PSdeG-PSOE, 982 votos e 1 edil. A suma destas forzas políticas representan a máis do 50% do electorado de Ribeira.
Con estes resultados e para cumprir coa promesa de propiciar un cambio político en Ribeira é obriga destes grupos dar cumprimento á vontade da veciñanza explicitada nas urnas.
As persoas que asinamos este documento, en representación das nosas respectivas forzas políticas, manifestamos a nosa vontade de colaboración honesta, leal, transparente e comprometida co interese xeral do pobo ribeirense. Unha colaboración que permita a constitución dun novo goberno municipal que represente de maneira proporcional o mandato da veciñanza e que teña na unidade, a lealdade e a confianza mutua entre as forzas que o compoñen os seus piares básicos.
Con este acordo, póñense os alicerces para que Ribeira conte cun goberno que traballe pola prosperidade do municipio, a participación da veciñanza e a xustiza social.
BNG, PBBI e PSdeG-PSOE, grupos políticos asinantes deste acordo de goberno comprométense a traballar de maneira prioritaria no vindeiro mandato 2023 -2027 nas seguintes liñas de traballo:
Elaboración duns Orzamentos que respondan ás necesidades básicas da poboación e reduzan o dispendio no Concello de Ribeira.
Fomento do emprego e do dinamismo económico de Ribeira, materializando o novo Polígono Industrial de Pedras Vermellas e promovendo actuacións encamiñadas á mellora do desenvolvemento económico, comercial e empresarial do noso concello.
Impulso e traballo conxunto cos sectores produtivos estratéxicos de Ribeira, nomeadamente o sector do mar mediante actividades e medidas destinadas a súa proxección, dinamización e posta en valor.
Aumento das partidas destinadas a mantemento e limpeza das infraestruturas, das vías, dos equipamentos e dos espazos públicos.
Aposta polos servizos públicos para que sexan prestados directamente por parte do Concello de Ribeira, estudando a municipalización dos servizos concesionados unha vez remate o contrato.
Desenvolvemento dun novo modelo de concello no que se prioricen actuacións para dotar de servizos básicos -saneamento, auga potable, alumeado- á poboación.
Planificación das actuacións urbanas que garantan a accesibilidade universal, espazos verdes e unha correcta ordenación do tráfico que mellore a mobilidade do concello e a calidade de vida da veciñanza.
Democratización do Concello de Ribeira abrindo canles de participación veciñal, atendendo á veciñanza e fomentando a transparencia en todos os ámbitos da vida municipal.
Defensa dos servizos públicos do concello con esixencia máxima para a mellora da sanidade pública e do ensino público, demandando dende o goberno local que Ribeira conte coas infraestruturas e co persoal sanitario que precisa; así como co profesorado e instalacións educativas que necesita a comunidade educativa.
Compromiso coa lingua galega, coa cultura e co deporte para favorecer o deporte de base e a realización de actividades deportivas, culturais e sociais ambiciosas.
Desenvolvemento de alternativas de formación, ocio e participación da mocidade. Impulsando as actuacións necesarias para que Ribeira sexa un concello no que as mozas e mozos poidan estudar, vivir e traballar.
As forzas políticas asinantes deste acordo de goberno acordan realizar a seguinte estrutura de goberno:
Urbanismo, Persoal, Seguridade Cidadá, Mobilidade e Normalización Lingüística. (BNG)
Cultura, Mocidade, Medio Ambiente e Benestar Animal. (BNG)
Infraestruturas e Obras, Deportes, Transparencia e Participación Veciñal. (BNG)
Educación, Formación, Igualdade, Diversidade e Atención ás Parroquias. (BNG)
Promoción Económica, Emprego e Consumo. (BNG)
Servizos Sociais e Mercados Municipais (PBBI)
Economía e Facenda (PBBI)
Medio Rural e Servizos Municipais [saneamento, dotación auga, limpeza viaria e montes] (PBBI)
Sanidade (PBBI)
Mar (PBBI)
Turismo, Festexos, Relacións Institucionais e Novas Tecnoloxías (PSOE)
Neste pacto de goberno BNG, PBBI e PSdeG-PSOE asinan os seguintes compromisos:
Apoiar a investidura do alcalde do BNG que ostentará todas as atribucións, representación institucional, negociación con outras administracións e obrigas establecidas na lexislación vixente.
Formar parte do grupo de goberno e traballar conxuntamente mantendo contacto e traballo permanente co equipo de goberno e, con carácter xeral, cando menos unha reunión semanal para abordar as cuestións do goberno municipal.
Comprometerse a traballar polos ribeirenses, baixo os principios de boa fe e honradez.
Participar, se así se acorda, en proxectos conxuntos que poidan afectar a diversas concellarías. Estas e outras actuacións deberán partir do acordo, a lealdade e o consenso do goberno para elevar o beneficio da veciñanza de Ribeira.
Non apoiar mocións de censura nin propostas de reprobación a ningún membro do goberno, estas iniciativas serán estudas previamente. Tampouco se exercerán prácticas que poñan en risco a estabilidade do goberno.
Apoiar a aprobación dos proxectos de Orzamentos municipais que se elevarán ao Pleno Municipal no mandato 2023-2027; apoiar as accións de goberno e manter a vontade de consenso e acordo entre as partes, respectando o aquí acordado e a toma de decisións coherente coa distribución proporcional das competencias.
Acordar a postura a adoptar ante as iniciativas, propostas ou mocións de carácter local que o grupo de oposición ao goberno eleve ao Pleno.