O presidente do Goberno galego louva a figura de Josefa Wonenburger como pioneira na causa do derrubamento de atrancos para a equiparación da muller co home en todos os ámbitos
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apelou, na entrega do Premio Josefa Wonenburger, a rebelarse contra a violencia de xénero e contra a desigualdade na integración laboral das mulleres botando man da lei, da presión social e do esforzo educativo.
Feijóo louvou a figura de Josefa Wonenburger como pioneira na causa do derrubamento de atrancos para a plena equiparación da muller co home en todos os ámbitos. Agradeceu a esta investigadora que fose un exemplo dos que “non caducan axiña” que abrise unha senda que moitas mulleres poden percorrer con menos atrancos que antano. Aínda que recoñeceu a súa insatisfacción polos obstáculos que seguen existindo na integración laboral, pola moitas veces forzosa elección entre a vida persoal e profesional e sobre todo “polos casos de violencia de xénero que a todos nos avergoñan”.
Fronte a esta realidade, o responsable do Goberno galego defendeu que en Galicia “as mulleres teñen un protagonismo capital ao longo da historia que hoxe se converte en claro liderado”.
Como exemplo deste liderado o presidente galego quixo destacar mulleres como a premiada, Isabel Aguirre, da que enxalzou a súa capacidade de “reconciliar a paisaxe coas mulleres e cos homes que a habitan” e de “transformar soños en realidades que fan a vida máis grata, e o noso país máis fermoso”, rematou.