Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño concluirá nestes días o aglomerado e a nova senda peonil desde o Chao de San Cristovo até a Chabola, en Ferreira


Tamén está a piques de finalizar a reparación viaria entre A Camba e o límite con Moeche

Ferreira de Arriba terá lista a súa senda peonil para o San Cristovo

A zona do Chao de San Cristovo, en Ferreira de Arriba, encóntrase en obras durante estes días. De feito, o Concello de San Sadurniño leva varias semanas traballando alí para reparar a pista que vai desde a capela até a Chabola e para construír unha nova senda peonil que enlace ambos núcleos. Son estes últimos traballos os que ocupan a maior parte do proxecto, dado que antes de botar o novo pavimento foi necesario soterrar canalizacións para pluviais e coordinar coa veciñanza como deixar as traídas de auga. Onte estábanselle dando os toques finais a toda a parte da obra que quedará tapada á volta duns días, cando se aglomere todo o trazado. As previsións apuntan a que os traballos rematen ao longo desta semana ou, como moi tarde, a principios da que vén. En calquera caso -salvo un imprevisto- a nova infraestrutura viaria e peonil estará lista para a celebración do San Cristovo a primeiros de xullo.

O contrato da obra adxudicóuselle á construtora José No Mantiñán e Hijos por un prezo de 82.885 euros, ive incluído, e está financiado con cargo ao POS+ provincial. A intervención abrangue un treito duns 575 metros que arranca na explanada da capela e que chega ao cruzamento coa DP-7601.

Nese percorrido, en primeiro lugar, efectuáronse labores de limpeza do firme da pista e o reperfilado das cunetas para retirar vexetación e sedimentos e, de paso, darlle a profundidade necesaria para instalar as tubaxes soterradas e as arquetas de rexistro do sistema de evacuación de pluviais.

As canalizacións quedarán debaixo da parte destinada a senda peonil, situada na marxe esquerda e cun ancho constante de 60 centímetros. En canto a anchos tamén cómpre reseñar que á pista se lle vai regularizar a medida transversal, de cara a que leve de principio a fin un ancho medio de 4 metros. O firme elixido é o aglomerado, co obxectivo de dotar a vía de maior durabilidade e adherencia.

O proxecto encóntrase na última fase construtiva, quedando pendente unicamente o extendido da nova superficie. De feito a maquinaria precisa xa se encontra na zona e nos próximos días efectuará tanto este aglomerado como o correspondente ao tramo A Camba-límite con Moeche.

Esta segunda intervención, iniciada en marzo, suporá un investimento próximo aos 161.000 euros, financiados con cargo ao Plan Adicional 02/2022 da Deputación da Coruña. Con ela mellorarase a principal vía de comunicación polo sur co concello veciño, que está acometendo no seu territorio unha obra idéntica para simultanear a reparación de todo o trazado.